O grupo sarriao Malditos Roedores presenta a concurso o tema do covid

Opta a un premio nun certame de bandas galegas coa canción que creou no confinamento co virus como protagonista
2021032014153118715
photo_camera A banda sarriá, durante unha recente actuación no club Clavicémbalo de Lugo. ARCHIVO

O grupo sarriao Malditos Roedores, creado no ano 2018, vén de presentar a un concurso de bandas o tema 'Xa non podo co covid', versión da canción 'No puedo vivir sin ti' de Los Ronaldos arranxada durante o confinamento.

Olalla Losada, Noelia González, Nerea Iglesias e Borja López foron os artífices deste tema, que seguen interpretando nos seus concertos porque un ano despois "aínda está vixente" e o público continúa "sentíndose identificado" con todos os sentimentos que xenera a situación de pandemia.

Malditos Roedores concorre con esta canción ao concurso de bandas, en formato dixital, posto en marcha pola empresa de cervexa artesanal Galician Brew en colaboración con Rock in Río Tea, o festival de música de Ponteareas. O premio consiste en mil euros e 500 cervexas elaboradas por esta fábrica, en cuxas instalacións deberá dar un concerto o grupo gañador.

Segundo explica Olalla Losada, trátase do primeiro certame ao que se presentan como banda. "Apetecíanos darlle difusión ao noso traballo e, ademais, como este foi un ano tan difícil a nivel de concertos, pensamos en concursar para intentar recuperarnos economicamente e investir no grupo e no proxecto", sinala.

Neste evento compiten con formacións de toda Galicia, entre as que se atopa Sound Sisters, con músicos en común con Malditos Roedores. De entre os 60 inscritos sairán 20 finalistas, dez por votación popular ata o 15 de abril na web de Galicia Brew, na que a banda sarriá estaba onte na terceira posición con preto de mil apoios. Os outros dez serán elixidos por membros de Rock in Río Tea.

Malditos Roedores reivindica a cultura como «imprescindible e segura» e anuncia que actuará en Sarria polas Letras Galegas.

Comentarios