Os lugares que queren visitar os peregrinos que parten de Sarria

Dende a asociación de Amigos do Camiño instan a que os monumentos principais aumenten o horario de apertura ao público

Torre da Fortaleza de Sarria. AEP
photo_camera Torre da Fortaleza de Sarria. AEP

Os que viven do Camiño xa teñen todo listo para a chegada masiva de peregrinos. En marzo, a poucas semanas de que se dea por iniciada a primavera, a vila prepárase para dar comezo á temporada alta para ducias de hosteleiros. E, paralelamente, as igrexas e os monumentos máis destacados da localidade fan o mesmo. "A pena é que algúns dos lugares máis solicitados estean pechados durante case todo ano", indica o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, Jorge López, que insta a que aumenten o horario de apertura dalgúns dos lugares máis visitados e demandados.

Centos de peregrinos acoden á asociación cada ano para solicitar información sobre a vila. "Algunhas das máis demandadas son a igrexa de Santa Mariña, a de San Salvador, a Fortaleza e a igrexa de Barbadelo", di Jorge López. Esta última experimentou un gran éxito nos últimos anos grazas ao labor de María del Mar, unha veciña que decidiu presentarse voluntaria hai un par de anos para abrir o templo e selar credenciais de oito a doce e, de paso, facer visitas guiadas.

Igrexa de Barbadelo

María del Mar vive a carón da igrexa e leva toda a vida abrindo as portas desta edificación que data do século XII sempre que llo piden. Pero parecíalle "unha pena que permanecese pechada durante todo o día", por iso se puxo en contacto co Bispado, que lle deu autorización para exercer de voluntaria e, hoxe, dous anos despois daquel reclamo, recibe unha media de 500 persoas diarias na igrexa. "É unha loucura, hai días que non dou con todo", di esta veciña de Barbadelo, que realiza os seus propios selos á man porque cre que "o Camiño é unha experiencia para tomar contacto cos demais e facer algo en cadea véxoo moi frío".

Vista por fóra da igrexa de Barbadela, en Sarria. AEP
Vista por fóra da igrexa de Barbadela, en Sarria. AEP

E así, de marzo a novembro, a sarriá recibe visitantes de todo o mundo, en especial peregrinos, que atopan na igrexa de Barbadelo unha das primeiras paradas no traxecto no seu camiño a Santiago. "Faltan párrocos na comarca, de forma que non se poden facer cargo de abrir as igrexas todos os días, pero debemos darlle o valor que teñen e ensinar o noso patrimonio. Eu abro case sempre que mo piden", di María del Mar.

San Salvador

Pero non todas as igrexas corren a mesma sorte que a de Barbadelo. A de San Salvador por exemplo, que conserva trazos do románico do século XIII, só se abre para a celebración dalgúns cultos relixiosos durante o ano. "Preguntan moito por ela, pero a maior parte das veces está pechada", afirma o presidente da Asociación de Amigos do Camiño na Comarca de Sarria, que di que conta con moita historia, polo que sería interesante dar a coñecela.

A guía sarriá Silvia Mondelo asegura que este é un dos templos "máis especiais, en parte porque conta cun tímpano moi orixinal", que afirma que "hai quen di que alí está o rei David". Ademais, xunto a ela atópase o xulgado, que albergou o hospital de Santo Antón dende o século XVI ao XIX, empregado nun comezo para asistir os peregrinos que se aloxaban alí.

A fortaleza

Moi próxima a San Salvador está a Fortaleza, tamén coñecida como a Torre dos Batallón, considerada Ben de Interese Cultural dende 1994. No mes de outubro, o grupo de goberno de Camiña Sarria solicitou a recuperación "inmediata" do acceso a visitas públicas gratuítas á Fortaleza por tratarse dun ben de interese público que, ademais, é un dos máis demandados polos peregrinos. Desde o goberno local defenderon que, ao tratarse dun Ben de Interese Cultural, os propietarios ou titulares dos dereitos reais do monumento teñen a obriga de permitir visitas públicas gratuítas un mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, polo que reclaman á Xunta o cumprimento desta medida en favor da comunidade.

E é que se trata dunha antiga fortificación de orixe medieval da que actualmente só se conserva unha das cinco torres que formaban esta fortaleza. Un castelo que tivo fins defensivos, xa que serviu de protección a peregrinos do Camiño de Santiago e a toda a comarca.

Santa Mariña

A igrexa de Santa Mariña, situada en plena Rúa Maior, abre de luns a sábado coa misa das sete, e os domingos ás doce. É unha das máis visitadas polos camiñantes, xa que nela reciben ademais unha bendición especial cunha oración para os peregrinos.

Antes contaba cunha voluntaria que abría a igrexa en horario estendido, pero polo momento segue co horario das misas, xa que non hai ninguén que se poida facer cargo de abrila a visitas durante o ano.

Comentarios