Luar na Lubre recibirá en Láncara o premio Ramón Piñeiro, Facer País

O galardón retómase despois dun ano sen convocarse pola pandemia do coronavirus
A banda Luar na Lubre durante unha actuación.
photo_camera A banda Luar na Lubre durante unha actuación. AEP

A asociación cultural Val de Láncara recupera o premio Ramón Piñeiro, Facer País despois dun ano de parón pola pandemia do coronavirus. Nesta décimo novena edición o galardón recoñece ao grupo de música folk Luar na Lubre polo seu traballo a prol da cultura e a lingua galega e a súa longa traxectoria.

A banda foi elixida entre 15 candidaturas propostas por colectivos da zona e recollerá o premio o próximo 20 de novembro de man do músico e escritor Xurxo Souto, quen foi premiado co Ramón Piñeiro, Facer País na última edición, no 2019.

A asociación Val de Láncara está inmersa nos preparativos do programa de actos de entrega do recoñecemento, o cal terá lugar, como en pasadas convocatorias, en Carracedo, despois dunha recepción no concello.

Para Luar na Lubre, grupo que naceu na Coruña en 1986, é "unha honra" recibir este premio, recoñecemento que os colleu "por sorpresa", afirma o líder da banda, Bieito Romero.

"SIGNIFICADO ESPECIAL". A concesión deste galardón ten para a formación "un significado especial" porque é outorgado por diferentes asociacións culturais, coordinadas por Val de Láncara, e porque "facer país ten un significado que vai máis alá do simple feito dun premio convencional". Ademais, é un galardón que xa leva "19 anos concedéndose e creo que cunha perspectiva galega que nós valoramos especialmente", engade Romero.

Para o grupo é "un auténtico pracer" de que lles faga entrega do Ramón Piñeiro, Facer País o escritor e músico Xurxo Souto, co que teñen "moi boa relación desde hai moitísimo tempo".

Luar na Lubre súmase a unha longa lista de personalidades e colectivos recoñecidos desde o ano 2002 polo seu labor en defensa da cultura e a lingua galega con este premio, o cal naceu de man da asociación Val de Láncara para homenaxear ao galeguista lancarao Ramón Piñeiro.

O primeiro galardoado foi o intelectual Isaac Díaz Pardo, ao que lle seguiron o actor Luis Tosar, o grupo de música Milladoiro, o político Xosé Manuel Beiras, o semanario A Nosa Terra, o mestre e galeguista Avelino Pousa Antelo, a Real Academia Galega, os músicos Mini e Mero, a Mesa pola Normalización Lingüística, a xornalista, profesora e escritora Margarita Ledo, a asociación Xermolos, a familia Seivane e Xurxo Souto. Tamén foron premiados os escritores Xosé Neira Vilas, Luz Pozo Garza, Agustín Fernández Paz, Marica Campo e Basilio Losada.

Comentarios