Lembranzas de Cunqueiro e Fiz Vergara

A Asociación de Periodistas e Estudos do Camiño organiza unhas xornadas con motivo do 25 cabodano do poeta de Lóuzara e do 60 aniversario da peregrinación do escritor mindoniense
undefined
photo_camera Luís Celeiro, Xosé María García Palmeiro e José Quiñoá presentaron as xornadas en La Unión. VILA

Neste ano Xacobeo 2022 coinciden dúas efemérides vinculadas a persoeiros destacados das letras galegas: un cuarto de século do pasamento do poeta de Lóuzara (Samos) Fiz Vergara e 60 anos da viaxe do periodista e escritor Álvaro Cunqueiro ao Cebreiro para facer o treito galego do Camiño.

Para conmemorar ambos aniversarios, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa) organiza unhas xornadas nos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos e Sarria, que servirán para pór de manifesto o estreito vínculo entre a ruta xacobea e a literatura.

A sociedade La Unión de Sarria, que preside José Quiñoá, acolleu este martes a presentación deste ciclo por parte do seu coordinador, Luís Celeiro, e do presidente de Apecsa, Xosé María García Palmeiro.

Segundo explicaron, Camiños e cantares nos eidos da bremanza: unha peregrinación literaria, cantada e falada pretende "facer difusión e recoñecemento dos valores culturais neste ámbito territorial a partires da exaltación destas dúas figuras ilustres".

Os actos comezarán este venres ás 12.00 horas na igrexa do Cebreiro coa intervención, entre outros, do párroco Francisco Castro, o investigador Armando Requeixo, o historiador Francisco Singul e César Cunqueiro, fillo do mindoniense. Falarán de aspectos como a restauración do Cebreiro ou os artigos de Álvaro Cunqueiro sobre o Camiño de Santiago. Haberá tamén música e unha lectura colectiva de textos deste autor.

As xornadas continuarán o día 20 en Samos, cun acto literario e musical coa participación de amigos de Fiz Vergara, veciños e familia a partir das 12.00 horas na casa do concello. Tras un xantar en Airapadrón, a comitiva trasladarase ata Santalla de Lóuzara, a carón da casa do poeta, onde teatro, poesía e a música da Quenlla se darán a man na súa lembranza.

Poetas do Courel, Samos, A Pobra do Brollón e O Incio quixeron sumarse a esta homenaxe, xunto a outros moitos artistas, escritores e asociacións culturais. "Este gran número de colaboradores é posible grazas á figura de Fiz Vergara", destacaron os organizadores, que tamén puxeron o acento "no binomio literatura-Camiño" e na fonda pegada cultural das terras de Sarria e a súa contorna.

Na centenaria sociedade La Unión celebrase o 18 de setembro a terceira das xornadas con relatorio de Xesús Alonso Montero e un recital a cargo dos distintos gañadores do premio de poesía Fiz Vergara, que convoca o Concello de Sarria e a agrupación cultural Ergueitas dende o ano 2001.

Esta peregrinación literaria rematará en Triacastela o día 25 de setembro, cunha lectura colectiva de textos e poemas e unha conferencia sobre Cova Eirós.

Comentarios