Samos foi o último libro publicado en vida do cambadés Ramón Cabanillas, que chegou ao mosteiro do municipio o 24 de agosto de 1948 en busca dun "refuxio", tal e como explica José Jaime Fernández, o guía da abadía, que afirma que o escritor pasou longas tempadas alí ata pouco antes do incendio que tivo lugar no ano 1951.
A pesar de que o autor non se afincou de forma definitiva no concello de Samos, o certo é que pasaba longos períodos de tempo nos que buscaba inspiración, polo que moitos o recordan escribindo, xa fose parte do que hoxe conservamos como a súa obra, ou mesmo cartas ás súas fillas, chegando incluso a facer o propio manuscrito de Samos na abadía.
"Por todo isto, e moito máis", o Concello de Samos celebrará un acto de confraternización co municipio de Cambados no propio mosteiro o próximo 21 de outubro para render homenaxe ao autor de Da terra asoballada. Unha iniciativa que partiu da Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, que crían que este, o ano no que se cumpren 75 da súa chegada á localidade, era "o momento de recordar o enorme legado que nos deixou", asegura José Fernández, o presidente da agrupación.
Así, as autoridades de Cambados e as de Samos realizarán unha visita ao convento, onde farán un repaso pola herdanza que o cambadés deixou nas súas terras e que aínda se conservan en un moi bo estado. É o caso dunha fotografía del xunto ao abade, un manuscrito que se atopa no claustro gótico, e incluso a cela onde durmía, entre a sacristía e a zona dos monxs.
Tamén contarán o día do acto cunha conferencia a cargo do catedrático e licenciado en Filoloxía Románica Francisco Fernández Rei, que fará un percorrido pola súa traxectoria. Tal e como indica o historiador e guía José Jaime Fernández, a relación de Cabanillas co abade era moi estreita, polo que o cambadés chegou a dicirlle que el estaba disposto a facer as traducións dos libros sagrados e dos testamentos que estaban en latín ao galego, xa que ademais o autor pasaba horas e horas consultando boa parte do material que albergaba a biblioteca do lugar.
Tal era a súa devoción polo convento que incluso despois do incendio, o escritor ofreceu ceder todos os dereitos da súa obra Samos ao mosteiro para que o diñeiro obtido fose destinado a sufragar os danos materiais causados polo lume. Os veciños, que moitos teñen escoitado falar aos seus antepasados del, recórdano paseando e charlando con todo o mundo, polo que o consideraban case que un samonense máis.
Cabanillas deixou unha gran pegada, pero Francisco Asorey non quedou atrás, xa que o escultor foi o encargado de facer a estatua do Padre Feijoo, que preside o claustro grande. "Os dous son cambadeses ilustres, así que isto en parte está dedicado a ambos", di o guía. Agora só queda agardar ao 21 de outubro, un día que marcará un fito na irmandade entre Samos e Cambados, que, aínda que separados por uns 200 quilómetros, todavía posúen un pasado común que permanece vivo na memoria de moitos.