Láncara pedirá que a Feira da Tenreira sexa festa de interese turístico

A vixésima edición da cita gastronómica terá lugar do 29 de abril ao 1 de maio

Representantes da Deputación e o Concello de Lugo, na presentación. EP
photo_camera Representantes da Deputación e o Concello, na presentación. EP

O Concello de Láncara solicitará que a Feira da Tenreira Galega sexa declarada festa de interese turístico de Galicia. Así o avanzou este venres durante a presentación do certame, que conmemora a súa vixésima edición.

Os actos darán comezo este domingo cun torneo de tute benéfico, mentres que o luns terá lugar a festa dos maiores. Pola súa banda, o día 1 celebrarase a tradicional degustación de tenreira, na que se prevé servir máis de 1.500 quilos de carne ao caldeiro ou á grella. O menú terá un coste de 14 euros por persoa e tamén incluirá queixos feitos con leite do municipio, pan e bebidas.

A profesora Inmaculada Vázquez lerá o pregón da feira, no que se poderán visitar postos de produtos da horta e de cervexa ecolóxica. Organizarase, ademais, un concurso de gando no que participarán máis de 100 cabezas e un certame de cabalos, informaron na presentación o presidente da Deputación, Darío Campos; o alcalde lancarés, Darío Piñeiro; o deputado provincial Pablo Rivera e a concelleira Begoña López.

A celebración conta coa colaboración da Deputación, que doa unha tenreira para sortear entre os asistentes e sufraga a actuación do grupo de música Peleriños. O presidente do ente provincial indicou que "vinte anos despois esta feira xa está consolidada dentro das citas festivas da comarca de Sarria, e que cada ano atrae a máis visitantes, pois esperase que este ano visiten Láncara preto de 3.000 persoas". O alcalde agradeceu a implicación da Deputación na promoción de feiras como a da tenreira, citas "que contribúen a dinamizar un concello pequeno como Láncara, pero que son fundamentais para a súa posta en valor".

Comentarios