Láncara dedicará 25.000 euros a axudas para incentivar a actividade económica

O pleno aproba unha modificación de crédito na que se inclúen 18.000 euros para redactar o proxecto dunha rotonda na entrada á Pobra
Un negocio cerrado en A Pobra de San Xiao. PORTO
photo_camera Un negocio cerrado na Pobra durante o confinamiento de 2020. AEP

O Concello de Láncara celebrou un pleno extraordinario e telemático a última hora da tarde do xoves para aprobar unha modificación de crédito de case 150.000 euros, na que se incluén 25.000 para axudas ao desenvolvemento da actividade económica.

Segundo o concelleiro socialista Pablo Rivera, con esta nova liña de axudas Láncara convértese "no concello de menos de 5.000 habitantes que máis reaccionou ante a pandemia e máis pronto o fixo".

Dentro desta modificación de crédito hai 18.000 euros para redactar o proxecto de construción dunha rotonda no acceso á Pobra de San Xiao dende a LU-546, primeira fase do plan especial que afecta á capitalidade municipal.

Outros 13.800 euros serán para o plan marco de mellora de camiños, 1.200 para acondicionar a estación de bombeo, 7.500 para un cortacéspede articulado, 37.000 para a estrada entre Fontabuín e A Chá, 14.500 para a vía entre A Chá e A Lama, 9.500 para unha edición virtual da Feira da Tenreira Galega e 21.700 para a compra dun vehículo todoterreo.

A modificación de crédito foi aprobada cos votos do grupo de goberno que encabeza Darío Piñeiro e coa abstención de PP e BNG. Os voceiros destes partidos, Santiago Cubillas e Iago Bande, respectivamente, queixáronse de falta de información sobre o pleno.

Como exemplo, dixeron que o goberno non lles deu explicacións sobre como se repartirán nin en que consistirán esas axudas para a actividade económica (que por erro figuraban como premios na documentación que recibiron).

Comentarios