José Manuel Bello: "Vexo apresurada e non necesaria a renuncia de García como portavoz"

O edil sarriao exercerá no pleno deste xoves como voceiro do PP tras a renuncia a esta función de José Antonio García, unha vez rematado o congreso local do partido no que saíu elixido como presidente Fernando Carlos Rodríguez e do que o propio Bello retirou a súa candidatura
photo_camera José Manuel Bello, de pé, na toma de posesión no 2019. AEP

Como recibiu a noticia da renuncia de José Antonio García como voceiro do grupo municipal do PP?

Recibina con sorpresa. Como estivemos co proceso do congreso non se falou nada de cales eran as decisións que se ían tomar en función do resultado. Eu interpretara que o grupo municipal seguiría funcionando igual saíse quen saíse.

Pensa que esa decisión está vinculada co resultado do congreso?

Si. Creo que José Antonio decidiu deixar de ser portavoz un pouco pensando en que o novo presidente ao mellor non contaba con el. Eu creo que ía seguir contando, pero bueno... Para min anticipouse negativamente na toma da decisión, pensando nos efectos colaterais que puidera ter o resultado dese congreso. É a conclusión que saco, pero tampouco sei cal foi o motivo. O que si sei é que foi unha decisión moi apresurada e que non era necesaria a renuncia.

Afectarelle ese cambio ao funcionamento do grupo municipal?

Non, a relación é moi boa e creo que seguirá sendo boa. Alí estamos un grupo de compañeiros e amigos que debemos seguir traballando na mesma liña para que o PP saque un bo resultado. Que ao mellor nos marcarán algunha pauta que ao mellor non lle guste a José Antonio? Pois non o sei.

No congreso retirou a súa candidatura. Non vía opcións de competir ou que pasou polo camiño?

O que pasou polo camiño é que eu cheguei a un montón de xente que estaba supertensionada, incómoda e dicía que era unha loucura que houbese tres listas, que había que unir e poñerse de acordo nunha soa. Segundo nos aproximabamos á recta final, máis tensión había. Se imos romper o voto, pois mellor que se concentre en dúas e que gañe o que teña máis apoios.

Sobrevoa a dúbida de se vostede tiña algún pacto previo con Fernando Carlos Rodríguez. Foi así?

Ninguén pode dicir iso porque non apareceu en escena en ningún momento. É máis, eu xa empezara a buscar avais e non sabía nada de que Fernando se presentaba. De pacto anticipado, nada.

Por que esperou ata a medianoite anterior para anunciar a retirada?

Porque ese día a mediodía aínda estaba coa ilusión de presentarme, por ver os apoios que tiña dentro do partido. Eu ao principio, cando a escena era diferente, vía opcións de ganar ou non me tería presentado. Pero xoves e venres a presión xa era moitísima de todas partes, por parte da candidatura do equipo de Luis e de Fernando.

Cal foi ese cambio de escena do que fala? As tensións e presións?

Claro, o cambio foi esa tensión que había na xente, porque se palpaba. Xente que tiña intención de votarme pero indirectamente estábame dicindo que non me podía votar. Que fas? Tiras para adiante e séguelos metendo nun compromiso? Ou ves que non tes opcións, retíraste e polo menos déixalos que voten tranquilamente, en liberdade, sen romper máis a escena? Creo que fixemos o mellor que podiamos facer.

Fixo campaña para algún dos outros candidatos?

Non, fun ao congreso, votei, falei con xente, pero non pedín o voto para ninguén.

"Tiña ilusión por presentarme ao congreso, pero cambiou a escena pola tensión que había e que se palpaba"

Antes do congreso, algún lle pediu que se integrase noutra lista?

Non me chamou ninguén, nin Fernando e o seu equipo nin Luis e o seu equipo. Só me preguntou a presidenta cando entrei na sala como me deu a loucura de retirarme. E eu expliqueille a situación: co malestar que había na xente por tres candidaturas eu non tiña opción de ganar e retireime.

Dende a dirección do partido tampouco intentaron antes do congreso que houbese algún acordo?

Chamáronnos a unha reunión a Lugo para dicirnos as pautas que se ían seguir no congreso. Balseiro preguntou se había opción de facer unha candidatura soa, pero o planteamento que fixeron Fernando e Luis é que era tarde, que tiña que ter sido antes.

Unha vez rematado o congreso fálase moito de "integración". Ve posible chegar a esa unión?

Eu entendo que deberían integrar dos tres ámbitos porque ao final somos todos afiliados e todos queremos que o partido vaia ben. Alí no congreso, Fernando propúxolle integrarse a Luis e el díxolle que o tiña que pensar, pero non sei se falaron máis. A min dende que pasou o congreso non se me planteou ningún tipo de integración.

Ve necesario dar ese paso para as vindeiras eleccións municipais?

Claro que si. Se o partido queda enfrontado, como a sensación que tiven con algunha xente cando saiamos do congreso, non hai opción ningunha. O partido ten que estar unido se quere gañar.

Estrearase no pleno deste xoves como voceiro do PP. É unha decisión firme para o resto do mandato?

De momento teño que facerme cargo eu neste pleno como vicevoceiro. Despois o presidente reunirase co grupo municipal e decidirá que quere facer. En principio, a sensación que me deu é que ía seguir eu. Eu díxenlle que pode ser calquera outro concelleiro.

Ten a experiencia de oito anos como voceiro de grupos independentes. Cre que lle será de axuda?

Por suposto, algo de axuda si que será. Pero non podemos neste momento comparar a José Manuel Bello como portavoz con José Antonio García, unha persoa que o estaba facendo de forma fenomenal, defendía todas as cuestións extraordinariamente e cunha experiencia de moito tempo. Iso non
se dá igualado nun prazo curto.

Vostede é un dos casos de persoas que eran do PP e deixaron o partido por desacordos, volvendo tras 12 anos. Ve posible recuperar a exmilitantes na mesma situación?

Non é que o vexa posible, véxoo necesario. Se o PP quere ser un partido gañador, temos que participar todos. Vexo necesario que eses exmilitantes volvan formar parte do equipo de traballo.

Cal é a clave para que volvan?

Primeiro contactar con eles, algo que lle toca ao presidente e o seu equipo. Dialogar, limar asperezas e acercalos un por un. Eu digo sempre que a maior parte dos cabreos e as leas é por falta de comunicación. Mira, púidose evitar esta confrontación de tres candidaturas. Se cando empezou a recollida de avais estes señores nos chaman e non sentan nunha mesa, alguén tiña que ceder e ao mellor buscar unha alternativa.

Comentarios