José Antonio González: "Pensar que un pode vivir da música xa non é unha utopía"

Fillo dun dos membros da orquestra Los Jalas, José Antonio González viviu dende moi neno a música. Debutou aos dez anos na Banda de Sarria e con 22 converteuse no seu director. Agora cumpre 25 anos á fronte dunha histórica formación que no 2020 acadará 150 anos de vida

José Antonio González. VILA
photo_camera José Antonio González. VILA

MÚSICO POR vocación, José Antonio González Rodríguez leva a batuta da Banda de Sarria, con 65 membros, e da Escola de Música municipal, con 354 solicitudes de matrícula neste curso. Hai uns días, durante o concerto de Santa Cecilia, recibiu un recoñecemento polos seus 25 anos á fronte da Banda, un cuarto de século no que houbo momentos máis difíciles —como os inicios ou un cambio de ciclo no que houbo que empezar case de cero—, pero tamén moitos satisfactorios. "En xeral todo é bo, o ambiente de familiaridade é constante", asegura o director.

De onde nace a súa vocación musical? É algo familiar?

Si, meu pai é músico, tocaba acordeón e teclados. Dende pequeno levábame aos ensaios da orquestra Los Jaslas. Eu tería 4 ou 5 anos e tirábame nas mantas mentres ensaiaban. Con 9 tróuxome á escola da Asociación de Amigos de la Música e con 10 xa saín coa banda.

Sería un orgullo para un neno...

Era o máximo. Con 8 xa saía ao balcón cando a Banda ía pasar e era unha novidade. Daquela tampouco había moitas cousas nas que fixarte. Fixábaste en Meigas, na Banda ou no fútbol. E a min a música, polo que tiña na casa, tirábame moito máis có resto.

Recorda o seu debut coa Banda?

Si, no Entroido do 83 como trompetista. Ía cun traxe que era dun músico que me levaba 5 ou 6 anos, chegábame a chaqueta aos xeonllos. Recórdoo perfectamente.

Ao longo destes anos tivo alumnos que chegaron a triunfar na música. Suporá unha satisfacción.

Si, é unha satisfacción contribuír, pero tampouco podes ser pretencioso. Empezan aquí, pero despois teñen outros profesores. Ti es un elo máis na cadea. Algo importante é que na miña xeración só somos dous os que nos adicamos á música. Podías aspirar a tocar nunha orquestra de verbena ou entrar nunha banda municipal, que xa era ‘lo más’. Pero vivir en plan profesor ou tocar nunha orquestra sinfónica era impensable. Niso cambiou supoño que grazas ás escolas, conservatorios… Agora non é unha utopía pensar que un pode vivir da música, hai anos era practicamente imposible.

En que diría que se diferencia a Banda de Sarria doutras?

Segundo di a xente, no ambiente. Somos todos cercanos. Ocorre unha cousa admirable: temos xente de 60 e moitos anos, nenos de 9... e son compañeiros, non hai diferenza de idade.

Quizais tamén marcan un pouco a diferenza no repertorio?

Si, no repertorio gústanme as cousas raras, segundo me din. Agora que somos unha Banda con xente moi nova intento facer un repertorio que a eles non lles resulte estraño. Por exemplo, en Santa Cecilia tocamos Cuban Sound, que tocan moito máis motivados que se ao mellor lles pós unha zarzuela.

Que necesidades ten hoxe a Banda? Vestiario, instrumentos...?

De vestiario sempre, o que pasa é que somos tantos e sería tan caro vestir toda a Banda que sempre tes outras necesidades como arranxar instrumentos... Somos unha Banda que levamos moitos anos sen poder ter un uniforme.

Ademais da formación, que lles aporta aos nenos estar na Banda?

Traballo en equipo, iso por diante. É tamén unha madurez. Vintecinco anos despois ségueme impresionando ver como nenos se preparan antes dun concerto, porque non hai ningunha diferenza no ritual que fan con un de 30.

Por que cre que en Sarria hai tanta afección e saen tantos músicos?

Onde non hai nada é moi difícil que saia algo porque non tes un referente en que fixarte. Agora en Sarria afortunadamente saíu moita xente e hai moitos espellos nos que mirarse. Na Banda temos a sorte de ter xente coa carreira superior acabada. Para un neno sentarse con eles é un estímulo.

"É importante que a música te divirta e sexa un punto de encontro con amigos"
Cales son os seus referentes?

Tiven moita sorte cos meus profesores. Empecei aquí da man de Enrique García Rey, que era un músico excepcional e unha persoa que te marca dende pequeno. Despois tiven a oportunidade de coñecer ao holandés Marcel Van Bree, un dos mellores directores; a Benjamín Moreno, trompeta solista da orquestra de TVE; e a Delfín Álvarez, profesor de linguaxe musical. Foron referentes, educadores, exemplos...

Pésalle a responsabilidade de levar sempre a batuta?

É estresante porque sempre ten que saír ben. Rematas un concerto e ao día seguinte xa non tes nada e volves empezar. E non queres decepcionar ao público nin aos músicos. Estresante é, pero cando o concerto sae ben merece a pena.

Que intenta transmitir coa música e co seu traballo?

Para min son moi importantes as relacións persoais. Creo que é importante que a música te divirta e sexa un punto de encontro con amigos. Despois se tes sorte e podes vivir diso, mellor aínda.

Comentarios