jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

"Temos que unir todo ese voto que non obtivo representación no 2019"

José Antonio García en un pleno de la Diputación. Sebas Senande
José Antonio García. SEBAS SENANDE
O voceiro do PP de Sarria, José Antonio García, quen vén de anunciar que deixa a presidencia do partido despois de 14 anos, cre que é o momento de "abrir as portas" de cara a presentar un proxecto nas eleccións municipais do 2023 "que se pareza o máis posible á sociedade sarriá"

Cando tomou a decisión de deixar a presidencia do PP de Sarria?

É un tema que veño meditando xa dende hai tempo. A política en si debe ir renovándose e refortalecéndose. Creo que é o momento de abrir o partido en Sarria e de preparalo para o futuro e de forma específica para as municipais.

Custoulle tomar a decisión?

Non, porque creo que é coherente e dentro do normal. Tampouco é estritamente unha despedida porque eu sigo en política tanto a nivel local como provincial. Creo que Sarria no 2023 necesita un cambio de goberno. Claudio Garrido e os Camiña están hipotecando o futuro. O exemplo máis escandaloso é a privatización eléctrica, na que unha empresa vai levar os beneficios do aforro enerxético dos sarriaos durante 20 anos.

Que acordaron na reunión con afiliados celebrada o venres?

Seguir traballando e iniciar un proceso de reflexión para a creación dunha xestora que sexa representativa de todo o PP de Sarria.

Parece claro que están preparando un relevo de cara á presentación doutro candidato...

Iso está aí, efectivamente. Esa xestora tamén debe tomar esas decisións, analizar a situación de Sarria, buscar e traballar no equipo que vai desembocar no proxecto que presente o partido no 2023.

Que perfil de persoa lle gustaría para ese posto?

Creo que hai moita xente en Sarria que pode reunir eses perfís e precisamente fixen esta proposta porque non debe ser unha persoa que me guste a min, debe gustarlle ao PP. A idea dunha xestora é que un equipo de persoas que represente ao partido en Sarria e á sociedade sarriá tome esas decisións.

Historicamente o PP de Sarria rebelouse contra inxerencias externas. Esa lección está aprendida?

As relacións entre o PP de Sarria e a dirección e a presidenta provincial son magníficas, hai absoluta confianza e cooperación. Niso non hai ningún risco de problemas. O que queremos é cambiar a inercia de goberno que nos está levando a deixar de ser ese concello que antes tiraba do carro na provincia e agora se lle cerran oportunidades como o solo industrial.

Na executiva do último congreso do PP, no 2013, había xente que deixou o partido ou cambiou de formación. Pensan en recuperala?

Esas decisións e ese traballo corresponde á xestora. Terá como obxectivo facer un proxecto atractivo que reúna a canta máis xente mellor. A filosofía é abrir as portas do partido para que se pareza o máis posible á sociedade sarriá.

Nestes 14 anos nos que estivo como presidente, quedoulle algo que lle gustaría ter feito?

Gustaríame ter rematado o plan de encanamento, continuado a seguinte fase dende o Campo do Río ata Pontevella. Lamentablemente houbo xente, particularmente os que agora gobernan no Concello, que presentaron denuncias e paralizaron a execución. Impediron que se reconstruíra a Ponte Ribeira, houbo sentenzas xudiciais que lle sacaron a razón, e sete anos despois volven ‘empeñarse’ en non reconstruíla e van a un proxecto de pasarela provisional. Para min é unha estafa ir a unha pasarela dun só carril que antes de catro anos hai que volver tirar.

No fondo o plan de encanamento foi o que lle acabou custando a alcaldía. Ou non fai esa análise?

Esa análise tampouco é fácil de facer porque eu creo que hai moitísima xente que pensa coma min en Sarria. Creo que a gran maioría dos veciños o que querían é que se reconstruíra a ponte como estaba, pero houbo unha xente que denunciou e leva anos impedíndoo. E son os que agora gobernan.

De que se sente satisfeito?

Falaría da estabilización económica, que supuxo recuperar a situación dun Concello ao que Claudio Garrido lle deixara tres millóns de déficit. Por certo, cremos que volvemos ir no mesmo camiño.

Ve opcións de recuperar a alcaldía de Sarria para o PP no 2023?

Si, Sarria ten un amplo electorado de centro dereita. Temos que acertar no proxecto que presentemos, por iso dou ese paso, convencido de que abrir as portas e contar con todo o mundo é a mellor forma. Na pasada convocatoria concorreron dez candidaturas, ao final distorsiónanse os resultados e hai moita xente que perdeu o voto, moitas agrupacións que non conseguiron un concelleiro. Creo que hai que axustar e precisar o proxecto para que non volva pasar iso.

Queren aglutinar máis forzas?

Máis que aglutinar queremos ser un proxecto no que confíe a xente. Creo que hai moito nicho de votantes que vai cambiar o seu voto e sabe que votar en determinadas circunstancias é non sentirse despois representado.

Un proxecto que sexa capaz de captar eses case 1.200 votos que quedaron sen representación?

Ademais de recuperar votantes que nas anteriores votaron outras opcións, particularmente Camiña, cremos que temos que unir ese gran número que o seu voto non serviu para estar representado. Tanta dispersión e oferta divide o voto e nós queremos concentrar nun proxecto ilusionante, para iso hai que acertar nas ideas, no traballo e nas persoas.

En moitos plenos, PP e PSOE votan en consonancia. Quere dicir que teñen unha visión parecida da política local ou a que responde?

É circunstancial. Non responde a ningunha estratexia, nin interese conxunto nin sequera a unha comunicación excesiva. Vota no mesmo sentido o BNG por exemplo na pretendida subida de taxas. Non significa ter nada en común máis que estar en contra de medidas que prexudican a Sarria.

Cal é o su futuro político?

Vou seguir coas miñas funcións a nivel provincial de coordinador técnico-administrativo coas agrupacións locais, que é un encargo que me fixo a presidenta e que estou encantado de levar a cabo. Seguirei traballando como voceiro e co grupo municipal, exercendo a oposición e denunciando as irregularidades e atropelos de Garrido. Tamén traballar como un membro máis nesa xestora.

"Temos que unir todo ese voto que non obtivo representación no 2019"