"Isto é unha democracia, non hai dinastías nin herdanzas. Aquí quen elixe é o pobo"

Miguel Gallego, de 25 anos e titular dunha explotación gandeira, foi presentado o sábado como candidato do PP en Samos. Na súa mediática estrea na política contará co apoio de seu pai e actual alcalde, Julio Gallego, que representou as siglas do PSOE dende 2007 ata hai uns días
Miguel Gallego ten 25 anos. EP
photo_camera Miguel Gallego ten 25 anos. EP

O candidato do PP en Samos asegura vivir con "normalidade" o feito de que seu pai gobernara polo PSOE e ve as críticas como un intento de tapar "a boa xestión".

Cando naceu a súa vocación pola actividade política?
Leva toda a vida na miña casa. Dende pequeno acordo o rebumbio que había cando meu pai se presentaba, algo similar ao que me está pasando agora. Na vida política levo dende sempre, non é algo que me pille por sorpresa, sempre o vivín e tiven vocación.

Algunha vez foi causa de conflito?
Non, primeiro de todo somos unha familia. Se quero unir o pobo non ten sentido que me separe primeiro na casa. Nós sempre tivemos un consenso e nos apoiamos. É lóxico ter opinións distintas por algún debate, é como ser do Barça ou de Madrid.

Entendo que ata agora, aínda que tivera outras ideas, votaba PSOE nas municipais por seu pai.
Por suposto, sempre lle votei a meu pai. Nas municipais a quen votas é a persoa, as siglas en si non teñen moito tiro. Estamos falando dun pobo no que nos coñemos todos cara a cara. Vén se ve que no resto das eleccións en Samos gaña o PP e nas municipais sempre gañou o PSOE co meu pai.

E desta volta será á inversa, Julio Gallego votarálle a vostede...
Claro. Igual que lle votei eu.

Na casa viven con normalidade o feito de que seu pai fora alcalde do PSOE e vostede candidato do PP?
Si, non temos discusión ningunha. Como dixen antes, non ten sentido que queira unir o pobo e separe a familia primeiro.

E pensa que o 28 de maio os votantes de Samos o entenderán?
Eu intentarei explicalo e traballar. Estamos nunha democracia, aquí non hai herdanzas como din outros partidos. Quen elixe é o pobo, non eliximos nós.

Que lle dirá aos veciños para intentar convencelos?
Exporei o que están facendo administracións como a Deputación do PSOE. Son unha persoa nova e temos grandes retos que afrontar, o demográfico, o dixital… e moitas cousas que intentarei solucionar.

Aínda que non formará parte da corporación eu sempre estiven traballando e dei os meus consellos"

Por que se decidiu a dar o paso?
Como dixen, a política sempre a vivín na miña casa. É algo que me gusta, o PP deume unha oportunidade. Eu creo que ten moi bo proxecto para o rural, porque xa estamos vendo o que está a facer o PSOE noutras administracións.

O PSOE criticou que Samos parece coa familia Gallego unha "dinastía" e un "Falcon Crest".
Isto en ningún momento é un Falcon Crest, pensan que é unha dinastía que se herda e isto é unha democracia. Se o pobo confía na nosa familia como ata agora seguiremos gobernando, pero polo ben do pobo, non porque teñamos montada unha monarquía nin moito menos. Non pode dicir nada o señor Tomé. Non teñen nada que criticar porque a nosa xestión no ámbito municipal foi boa. En cambio a xestión da Deputación está feita un desastre.

Fala en plural, como se vostede estivera tamén no goberno...
Aínda que non estivera na corporación nin moito menos eu sempre estiven traballando aínda que fora indirectamente. Ao fin e o cabo a política fálase na casa e eu sempre dei os meus consellos.

E que consello lle dá seu pai para afrontar a campaña?
O primeiro de todo é que teño que ter paciencia e calma. Despois que prometa cousas cribles e que se vaian facer. O consello que me dá é que vaia sempre coa verdade por diante, e con calma e traballo as cousas conséguense.

Seu avó, que tamén foi alcalde, faleceu recentemente. Que cre que lle diría se o vira nesta situación?
Trataría de aconsellarme en base á súa experiencia como sempre fixo, sería un grande apoio. A el sempre lle gustou moito que defenderan o rural. El foi o que empezou a montar o teléfono por Samos. Tamén tivo o seu papel importante.

Ten o apoio de veteráns do PP?
Creo que a agrupación popular de Samos está unida. Eu xa lle digo a toda a xente que veño aquí unir o pobo, non veño facer separación.

O consello que me dá é que vaia sempre coa verdade por diante, e con calma e traballo as cousas conséguense"

Cal sería o seu obxectivo estrela?
Teño moitos, pero un deles sería construír unha residencia de maiores nova e máis grande. Intentaremos tamén desenvolver solo industrial, darlle as máximas facilidades ao gandeiro e sinalizar Samos na autovía que recentemente caeu para que vexan que existe e que temos un mosteiro.

Na súa lista irá de número dous Martín Chaos, presidente do PP local. Haberá algún dos concelleiros actuais do PSOE na candidatura?
O número dous xa está fixo, pero o resto de persoas aínda se están estudando. Saberase pronto, pero de momento está todo no aire.

Non lle parece paradóxico que a súa misión sexa recuperar a alcaldía para o PP cando foi precisamente seu pai quen lla quitou?
É síntoma de que nas municipais a quen se lle vota é as persoas. O PSOE de hai dez anos tiña outras ideas que non ten agora. O PP ten o mellor proxecto para o rural e eu sempre vou defender o rural e estarei co partido que máis o apoie.

Comentarios