Un investimento de 256.000 euros mellorará a parte antiga de Paradela

Xunta e Concello financian unha obra no núcleo de Pacios para pavimentar en pedra, cambiar a iluminación e instalar mobiliario
photo_camera A conselleira Ángeles Vázquez presentou a actuación ante o alcalde e veciños. VILA

Un investimento conxunto de Xunta de Galicia e do Concello de Paradela por importe de 256.000 euros permitirá mellorar a parte antiga da capitalidade municipal, no núcleo de Pacios, onde estivo no seu día a casa consistorial ou o xulgado.

Nesta zona vella, situada a tan só uns metros da estrada LU-633 que atravesa Paradela, farase unha actuación nunha superficie de 1.931 metros cadrados, que incluirá a pavimentación en pedra dos camiños interiores, reparación de arquetas e sumidoiros, instalación dunha nova iluminación máis acorde coa contorna e colocación de papeleiras e de bancos de pedra e madeira.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, asinaron este xoves en Pacios o convenio de colaboración para acometer esta obra ao abeiro do plan Hurbe da Xunta de Galicia, que achegará o 70% do custo total mentres que o Concello asumirá a parte restante.

Hórreo e cruceiro

Segundo explicou o arquitecto que redactou o proxecto, Carlos Besada, o obxectivo é "recuperar o carácter tradicional" de Pacios, onde aínda se conservan "casas catalogadas, un hórreo e un cruceiro", agardando que esa mellora, que terá un prazo de execución de catro meses, sexa tamén un estímulo máis para a rehabilitación de vivendas.

"Esta obra representa reencontrármonos coa nosa historia de Paradela. As orixes do concello están aquí en Pacios. É o noso casco antigo e imos recuperalo sendo moi respectuosos con todo o tradicional. Este proxecto é moi sensible nesa liña e imos deixar unha xoia no centro do pobo", afirmou o alcalde, quen acompañou á conselleira nun percorrido pola zona na que se fará a intervención.

Participaron no acto a secretaria xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas, o arquitecto, veciños de Paradela e o investigador da historia local Xaime Félix López Arias, quen lembrou as sete casas que formaron de antigo este núcleo (as de Cabo, Arias, Neto, Campo, Secretario, Lilainas e Abaixo), no que tamén houbo cuartel da Garda Civil e cantina.

Ángeles Vázquez felicitou o alcalde por apostar "polo fermosismo e o benestar da veciñanza" e lembrou que en Paradela, con cargo ao plan Hurbe, xa se acometeu hai anos outro proxecto de humización e dotación de equipamento nas rúas Galicia, Cabaleiros de Santiago e da Escola, cun orzamento duns 153.000 euros.

Dende a posta en marcha do Hurbe no ano 2010 mobilizáronse 163 millóns de euros en máis de 410 iniciativas urbanísticas en Galicia, dixo a conselleira, quen explicou que a dotación para este ano dirixida a este tipo de colaboracións coas administracións locais é de 8,6 millóns, o que supón un 23% máis que no 2022.

Comentarios