A incubadora de emprendemento Revolta Rural dase a coñecer no Muvicla de Láncara

Trátase dun proxecto impulsado por tres Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, co apoio de Caixabank, que busca a captación de talento rural
                      Representantes de Xunta e Deputación asistiron á xornada.
photo_camera Representantes de Xunta e Deputación asistiron á xornada. VÁZQUEZ RIVAS

O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), sito en Trasliste, no concello de Láncara, foi o lugar elixido para presentar onte a incubadora de emprendemento Revolta Rural, un proxecto impulsado por tres Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, co apoio de Caixabank, para a captación de talento nestas zonas.

Esta cita, promovida polos GDR Montes e Vales Orientais, Terras de Miranda e Seitura de Ferrol, permite poñer en común ideas e propostas que axudan a emprendedores e emprendedoras a impulsar o rural con proxectos xa existentes ou novas iniciativas.

No marco da incubadora Revolta Rural, 30 proxectos e 40 emprendedores xa están a desenvolver o seu itinerario empresarial.

Ademais de Galicia, a iniciativa está en marcha en Huesca e Burgos para crear unha gran comunidade de empresas do rural.

Durante un maratón de emprendemento no que os participantes traballaron as súas ideas de negocio con mentores especializados en innovación, asesoramento legal e financeiro, comercialización e márketing, un total de 12 iniciativas resultaron ganadoras, entre elas o Muvicla de Láncara.

Serán as que agora, nesta segunda fase de incubación que se desenvolverá durante seis meses, contarán con bolsas de mentoría especializada, que se sumarán aos talleres formativos para os 30 participantes. A maiores, haberá encontros con modelos de negocio referentes no ámbito rural.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, clausurou onte a xornada de presentación da incubadora de emprendemento, proxecto que recibiu unha axuda de máis de 15.000 euros do Leader.

O acto contou, entre outros, co deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, e rematou cunha visita guiada polo museo da man do seu director, Marcos Vázquez.

Comentarios