sábado. 17.08.2019 |
El tiempo
sábado. 17.08.2019
El tiempo

O Incio honra a Rubén González, un artesán de palletas con sona mundial

Os tres fillos de Rubén González, xunto á alcaldesa e o deputado destaparon a escultura. VILA
Os tres fillos de Rubén González, xunto á alcaldesa e o deputado destaparon a escultura. VILA

Un monolito lembra na praza da localidade a figura do gaiteiro e Fillo Adoptivo do municipio, quen traballou pola música tradicional galega e levou o nome do concello "por todo o mundo"

O Concello do Incio homenaxeou este domingo a un dos seus veciños máis universais, o gaiteiro e artesán Rubén González López, cuxas palletas acadaron sona en todo o mundo. Un monólito instalado na praza da Cruz do Incio lembra dende agora a figura deste Fillo Adoptivo do municipio e o seu labor de toda unha vida a prol da música tradicional galega.

Os tres fillos do homenaxeado, falecido en marzo do 2018 aos 93 anos, foron os encargados de destapar a escultura, acompañados da alcaldesa, Laura Celeiro; o deputado da comarca, Pablo Rivera; e numerosos veciños e amigos, moitos deles músicos, que quixeron sumarse ao recoñecemento, entre os que se atopaban os Gaiteiros do Incio, membros da familia Seivane e do grupo Os Agarimos.

"A Rubén González López, palleteiro e gaiteiro destas terras. Os veciños do Incio na súa lembranza", reza a inscrición, que acompaña a talla coa imaxe do artesán.

Celeiro repasou a longa traxectoria deste gaiteiro, dende os seus inicios no cuarteto de Noceda ata a fundación do grupo Os Agarimos

Seu fillo Antonio, herdeiro da tradición na elaboración de palletas para gaitas, agradeceu o acto en nome da familia e lembrou que seu pai sempre tivo grande apego ao Incio e fonda relación coa xente destas terras, en especial, coa da montaña "por mor do seu oficio de ferreiro". "El tiña un refrán que dicía: navalla que non corta e amigo que non se comporta, aínda que se perda non importa. Está claro que con vós non vai este refrán, porque aquí estades facéndolle esta homenaxe", afirmou.

Pablo Rivera louvou "a tarefa deste artesán que pulou por manter viva a tradición e a música galega". Tamén a alcaldesa tivo palabras de recoñecemento para Rubén González, a quen definiu como "unha mente aberta e serea que infundía tranquilidade e, ao mesmo tempo, coa retranca da nosa terra, pero sobre todo unha persoa boa, un bo veciño".

Celeiro repasou a longa traxectoria deste gaiteiro, dende os seus inicios no cuarteto de Noceda ata a fundación do grupo Os Agarimos. Ademais, incidiu na "sona mundial" das súas palletas e en como, a través das gaitas, "levou o nome do Incio por todo o mundo". "Ogallá as novas xeracións recollan a semente, os valores e a pegada deste home bo", desexou.
 

O Incio honra a Rubén González, un artesán de palletas con sona...
Comentarios