"A igrexa era un bosque e vela arranxada parece un milagre"

Os veciños de Lousada celebran a reapertura do templo, pechado desde 1954, e destacan que o pobo cambiou "totalmente"
Marisa Cabanas, Inés de la Fuente, Rosario Sánchez e Josefa Gómez ante a igrexa restaurada. PORTO
photo_camera Marisa Cabanas, Inés de la Fuente, Rosario Sánchez e Josefa Gómez, ante a igrexa restaurada.

"Sentimos moita emoción, o pobo cambiou totalmente. É incrible ver agora a igrexa, parece un milagre". Así resumen os veciños de San Martiño de Lousada, no concello de Samos, o seu sentir despois da rehabilitación do templo, que levaba pechado máis de seis décadas. A igrexa volveu a abrir o pasado día 1 tras ser restaurada pola Consellería de Cultura.

O inmoble acolleu o último enterro en "maio de 1957", o do avó de Rosario Sánchez, tal e como sinala esta xunto a Marisa Cabanas, Inés de La Fuente e Josefa Gómez. O último bautizo tivera lugar uns anos antes, en 1952, e fora o do marido de Marisa Cabanas, xa falecido. Desde ese ano, recordan, "os bautizos e outras celebracións pasaran a facerse na capela". Entón "deron de baixa a igrexa porque dicían que ía caer". "Cada vez foi a peor ata que naceron árbores, a ninguén se lles ocurriu cortalos, pensamos que non ían medrar e despois xa foi imposible. Aínda aguantou moitos anos en pé, pensamos que caería", explican.

O templo era "un bosque" e os samanenses "non sabiamos nin o que había dentro". "Non sabía nin que había sacristía", apunta unha das veciñas.

Rosario Sánchez, quen era un bebé cando pechou o templo, recorda que este tiña un retablo "moi bonito no altar maior" e había "un altar cunha vitrina cunha virxe". "Despois empezaron a levar os santos para que non se estropearan", engade.

Familiares delas tamén contaban como xogaban na igrexa abandonada. "Os nenos cando viñan de vacacións ían xogar alí, relataban que se escondían e que se metían detrás das columnas, xa estaba moi deteriorada e lles dicían que non entraran", apunta Marisa Cabanas.

O estado da igrexa levaba a que todas as cerimonias foran na capela, excepto os enterros. Estes tiñan lugar ante o cemiterio, ubicado xunto ao templo agora restaurado. "Espantaba, case daba vergoña", din as veciñas. Diante da igrexa hai na actualidade unha praza, que está arranxada desde uns anos atrás. Ata entón "tiñan que saltar un rego coas tumbas para enterrar", lamenta.

A gran maioría dos veciños foron "primeirizos" na igrexa cando se celebrou o primeiro oficio despois da rehabilitación. Xa case non quedan residentes no pobo que recorden o templo aberto, só dúas veciñas de idade moi avanzada. Lamentan que os máis maiores non o pudieran ver restaurado.

"Reviviu o pobo. Sentimos moita emoción. Saes a fóra e ves algo, antes todo era escuridade. O pobo cambiou totalmente, deulle unha vida ao barrio", afirman estas veciñas, quenes destacan que todos os residentes de San Martiño de Lousada están "encantados".

As residentes coinciden en que se non se chega a arranxar "acabaría caendo". "De vela tan desfeita non pesamos que chegara a estar arranxada, a xente non o cría", afirman as veciñas.

Agradecen a todas as persoas que fixeron posible as obras e fan fincapé no que "pelexou" o párroco, Miguel Gómez, para que se levara a cabo a restauración do templo, situado en pleno Camiño de Santiago. A actuación, na que a Consellería de Cultura invertiu 198.580 euros, "quedou moi ben, conservaron todo o que pudieron". Puxeron de exemplo o campanario, que "parecía que puxeran un novo e foi limpalo". Aproveitaron tamén vellas madeiras do templo para construír unha cruz, a cal preside o altar. Outros elementos que estaban antes na igrexa, como santos ou unha cruz, pertencían á mesma e agora "volveron a súa casa".

Comentarios