A igrexa da Cervela lucirá nova imaxe tras unhas obras

A actuación contempla a renovación da cuberta e a limpeza da fachada. Realízase a través do convenio entre Deputación e Obispado
Os traballos de renovación no exterior do templo están a piques de rematar. EP
photo_camera Os traballos de renovación no exterior do templo están a piques de rematar. EP

A igrexa de San Cristovo da Cervela, no concello do Incio, está a punto de lucir nova imaxe tralas obras que se están a executar no seu exterior. Unhas actuacións que contemplan a renovación da cuberta do templo e do cabildo, así como a limpeza do campanario e da fachada.

Estes traballos, que comezaron fai un par de meses, están preto de concluír, tal e como expresa o delegado de Patrimonio de Bens Inmobles da Diócese de Lugo, Miguel Gómez. Así mesmo, enmárcanse no plan de melloras para distintas igrexas que se proxectou dende a Deputación de Lugo e o Obispado que encabeza Alfonso Carrasco Rouco, a través dun convenio de colaboración ao que se destinaron un total de 300.000 euros.

Os templos nos que se planearon rehabilitacións foron seis, repartidos entre Lugo, O Incio, Monforte, O Saviñao e O Courel.

Pero é a catedral da capital luguesa á que se adicou boa parte dos orzamentos, xa que recibiu 93.000 euros que se destinaron a adaptar o acceso a persoas con mobilidade reducida, sustituíndo as ramplas existentes por outras acordes á estética do templo, e a intervir no adro frontal.

No caso da parroquia da Cervela o presuposto ascendeu a 50.500 euros. Con esta contía retirouse a cuberta existente, cuxo estado provocaba filtracións no interior do templo e estragos, e colocouse un novo tellado, tamén de lousa, co obxectivo de respectar a estética do edificio e a súa anterior apariencia, engadiu o responsable de Patrimonio do Obispado.

Por outra banda, os operarios encargáronse de substituír a instalación de canlóns existente, para deste xeito asegurar unha correcta evacuación da auga do lousado. Tamén se procedeu a limpar a fachada.

Comentarios