O IES Xograr Afonso reivindica máis presenza da muller no rueiro da vila

O centro bautiza os corredores con voces femininas que destacaron en distintas facetas tras constatar a súa práctica ausencia na rúa
Mestras do instituto de Sarria amosan os carteis cos nomes de mulleres. EP
photo_camera Mestras do instituto sarriao amosan os carteis cos nomes de mulleres cos que serán bautizados distintos espazos do centro de ensino. EP

O instituto Xograr Afonso Gómez de Sarria, tras constatar a escasa presenza da muller no rueiro da vila, reivindica a necesidade de incorporar nomes femininos representativos para a comunidade, xa sexan referentes locais, nacionais ou universais.

Unha investigación realizada por docentes deste centro puxo o acento no escaso protagonismo das mulleres no rueiro da localidade, onde apenas hai exemplos como a autora Rosalía de Castro, a benefactora de Sarria Marquesa de Casa López —a quen se debe o hospital inaugurado no Mazadoiro no ano 1908— e as Irmás García Vázquez, cuxas achegas axudaron á construción da residencia de maiores e da igrexa do Rosario.

O centro de ensino, consciente da "invisibilidade, esquecemento e descoñecemento das voces femininas na historia", ideou con motivo do Día Internacional da Muller un "rueiro feminista" nas propias instalacións do instituto.

Así, bautizou os corredores, coma se de rúas se tratase, cos nomes "dalgunhas desas mulleres silenciadas ou non suficientemente coñecidas". Xela Arias, Rosalía de Castro, María Balteira, Margarita Salas, María Casares, María Pita, Maruja Mallo, Concepción Arenal, María Soliña, María Castaña, Clara Campoamor, Emilia Pardo Bazán e Raíña Lupa son as elixidas para denominar distintos espazos do instituto e, deste xeito, "familiarizarse cos seus nomes, coñecelas e investigalas" co obxectivo de "devolverlles a presenza que ata o de agora lles foi negada".

O obxectivo da iniciativa é "familiarizarse cos seus nomes, coñecelas e investigalas"

Son, segundo lembra o instituto, parte dun listado de mulleres que, dende ámbitos variados coma o científico ou o artístico, loitaron "por superar as barreiras en todos os eidos". "É de lei reivindicalas no académico e no civil", asegura o centro, que organizou outros actos polo Día Muller.

Elaborou tamén un manifesto no que explica que este rueiro feminista "arela que a historia académica e curricular de todas as materias incorpore os nomes propios das mulleres que axudaron a construír a nosa historia común e na que moitas veces os nomes de seu quedaron agochados".

Dende o Concello de Sarria, Geni Valcárcel, responsable da área de igualdade, valorou este tipo de iniciativas e destacou a importancia do ensino para educar nestes valores.

A concelleira recoñeceu a reducida presenza da muller no rueiro da vila e avogou por paliar esta desigualdade. "As mulleres estamos practicamente excluídas dos nomes das rúas. O que temos é case simbólico e gustaríame por xustiza incorporar máis porque houbo moitas mulleres que merecían cando menos ese recoñecemento", manifestou.

Comentarios