O IES Gregorio Fernández dálle vida á revista Arela dun Soño

O centro recorda o mestre Eduardo Rey durante a presentación da obra, herdeira doutra publicación editada nos anos 90
Profesoras e alumnado participantes na elaboración da revista, onte, na presentación.
photo_camera Profesoras e alumnado participantes na elaboración da revista na presentación. VILA

Co evocador nome de Arela dun Soño acaba de ver a luz o primeiro número da nova revista do IES Gregorio Fernández de Sarria, herdeira doutra publicación que se editaba no centro nos anos 90 co título de Tubo de Escape e que tivo un dos máximos impulsores no profesor Eduardo Rey.

A presentación da revista foi tamén unha homenaxe a este docente e dinamizador cultural, falecido en días pasados. "Queremos dedicarlle esta primeira Arela ao noso querido mestre, que sempre estará con nós", dixeron.

A revista, coordinada pola profesora de Filosofía, Patricia Coucheiro, foi elaborada por alumnos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto da Eso ao longo deste curso escolar dentro da materia de proxecto competencial. Con case 50 páxinas e coidado deseño e maquetación, aborda nos seus contidos dende a Rúa da Música de Sarria ata a multiculturalidade do instituto, un cómic, unha entrevista a Xurxo Souto –quen deu clases neste centro– ou seccións de deportes e de opinión.

Nas súas páxinas tamén ten cabida un apartado de hemeroteca dedicado á fábrica Feculera ou ao empresario sarriao Matías López, así como fotografías de distintos actos celebrados no instituto.

"Tratamos de respectar algúns formatos que se atopan en diarios ou en revistas e incluír retratos de todos os grupos, o que tamén propicia que a revista se acabe convertendo nun obxecto que queiras coleccionar", explica a profesora, quen asegura que a implicación dos alumnos e alumnas dos catro cursos "foi moi grande".

Na súa opinión, son múltiples as vantaxes dunha actividade deste tipo, empezando polo traballo en equipo e continuando polo coidado á hora de afrontar a escritura e pola elección de temas que "xeren ilusión e interese e que lle axuden ao alumnado a buscar o seu camiño e o mundo que quere".

"Eu estou notando que agora empeza a haber un interese diferente do que había ao principio de curso, incluso polo xornalismo, que se está convertendo tamén nunha arela para algunas das persoas que experimentan o que é estar dentro dun equipo de redacción", comenta Coucheiro.

Redactores

Unha das rapazas que exerceu de reporteira foi Lidia Regueiro Arias, que define como "moi satisfactoria" a experiencia. "Ao principio había unha sensación de medo, de incerteza, de non saber como ía saír... pero pasámolo moi ben e foi moi acolledor facer esta revista", valora.

O seu labor consistiu nunha entrevista cos integrantes da formación musical Siniestro Parcial, nada no seo do veciño instituto Xograr Afonso Gómez. "Teñen un grupo moi ben conseguido e pareceume interesante que a xente o empece a coñecer", engade.

Nesta primera Arela dun Soño participaron tamén alumnos de Debuxo e TIC da mestra Elena Sánchez, que se ocuparon do logotipo. "El diseño es una mezcla entre el arte manual y el arte digital", indica a profesora, "encantada" de participar nun proxecto que abrangue distintas materias. "Me parece que este tipo de trabajos son de los que más enriquecen a los alumnos", afirma.

Arela dun Soño será unha publicación anual e daralle continuidade ao legado de Tubo de Escape, a revista da asociación cultural Monte Oribio, que se editaba no centro promovida por Eduardo Rey. Tal e como lembrou o mestre Luis López Melle, foron máis de 20 os números de Tubo de Escape que se publicaron neste instituto entre 1989 e 1998, con interesantes contidos, algúns deles firmados polo poeta Fiz Vergara Vilariño.

Radio Bolboreta cumpre cen programas
Radio Bolboreta, outra das iniciativas do IES Gregorio Fernández fomentada por Eduardo Rey, vén de cumprir cen programas cunha emisión dedicada ao proxecto Ponlle a Orella!, que ten como obxectivo a difusión da música galega entre os estudantes.

O anterior programa de Radio Bolboreta consistiu nunha teatralización da obra O muíño vello de Fiz Vergara. Forte compromiso A mestra e licenciada en Xornalismo Raquel Arias lembrou o forte compromiso de Eduardo Rey con esta radio, a biblioteca do centro, a lingua galega e a literatura, e expresou o desexo de toda a comunidade educativa do Gregorio Fernández para que a cultura "siga medrando no instituto como el nos ensinou".

Comentarios