Identifícase a condutora do coche que atropelou un peón en Sarria e fuxiu

A avogada da moza contactou coa Policía Local, que estreitara o cerco. A investigación apunta a que tamén chocou con dous vehículos estacionados
Policía Local de Sarria. AEP
photo_camera Policía Local de Sarria. AEP

Unha moza de 23 anos de idade identificouse como a condutora do coche que, o domingo pola mañá, marchou do lugar tras atropelar un septuaxenario nun paso de peóns da Rúa Calvo Sotelo de Sarria.

A avogada da rapaza contactou coa Policía Local para indicar que ía presentarse voluntariamente ante os axentes, que estreitaran a cerco.

O atropelou produciuse sobre as oito da mañá do domingo, á altura do número 198 de Calvo Sotelo. O vehículo que conducía esta persoa circulaba en dirección Samos cando atropelou un veciño de Sarria de 78 anos de idade que cruzaba por un paso de peóns.

A vítima foi trasladada en ambulancia ao centro de saúde da vila para ser atendida das lesións sufridas. Recibiu a alta pero ao parecer segue presentando dores, polo que prevé acudir a unha nova revisión.

A condutora, pola súa banda, marchou do lugar do accidente. A investigación da Policía Local, que falou con testemuñas e revisou a gravación dunhas cámaras, apunta a que momentos antes do atropelo este mesmo vehículo colisoniou con outros dous que estaban estacionados na mesma vía, na marxe dereita en dirección Samos, provocándolles danos.

O concelleiro de seguridade, Félix Seijas, felicitou os axentes pola pronta resolución do caso. As dilixencias serán derivadas ao xulgado por un presunto delito de abandono de lugar de accidente, ao que podería aplicárselle a atenuante de entregarse.