A historia de Sarria en feminino

Mestras, emigrantes, labregas, emprendedoras, escritoras, represaliadas... Cada unha na súa parcela e moitas dende o anonimato, foron centos as mulleres que xogaron un papel importante na historia de Sarria e que marcaron a súa configuración actual. Hoxe unha exposición rescata os seus rostros e as súas biografías

Mujeres trabajando en la fábrica de galletas Barreal de Sarria. EP
photo_camera Mulleres traballando na fábrica de galletas Barreal de Sarria. EP

Clementina López-Acevedo, licenciada en Farmacia en los años 40. EPMULLERES valentes e loitadoras romperon con estereotipos ao longo da historia, abrindo así un camiño para futuras xeracións. Son os nomes dunha Sarria en feminino, á que se lle rende homenaxe cunha exposición que se pode visitar durante todo este mes no paseo do Malecón da vila.

Organizada pola concellaría de cultura, a mostra leva por título Esquecidas e con ela preténdese recuperar "as voces silenciadas" para "saber de onde vimos, quen somos e cara onde vamos", en palabras da edila Mónica López.

Un total de 117 nomes, 24 fotos e 14 biografías ou reseñas conforman esta exposición, coordinada pola experta en memoria histórica María Xesús López Escudeiro, que contou coa indispensable colaboración do investigador do pasado sarriao Xaime Félix López Arias.

As persoas que paseen polo Malecón poderán achegarse así á vida de mulleres pioneiras coma Clementina López-Acevedo —licenciada en Farmacia, culta e intrépida, quen "percorría rúas e vilas na súa Vespa"— ou emprendedoras coma as irmáns Sarry —da fábrica de coiros de Treilán— ou Isaura, a pulpeira, cuxa vida "transcorre entre os caldeiros e os calores chegando a facer 20 feiras ao mes".

Foto histórica de la panadera sarriana María Castro. EP

A  carniceira  Josefa  López,  a dentista Carmen López A Treilana, a comadroa Pilar Hombreiro, a estanqueira Concepción Saco ou a panadeira María Castro son outras das mulleres destacadas na historia local, xunto con Carmen Arias, cuxo nome está moi ligado á figura de Ernesto Guevara.

Mención especial merece tamén Concepción Carvajal Fernández, coñecida como A Cega de Callás, aínda que non era invidente. Foi a súa nai quen quedou cega tras o parto e dela herdou as dotes artísticas. Aprendeu a tocar a guitarra e conseguiu sacar adiante sete fillos vendendo coplas nas feiras.

Algunhas destas mulleres incorporáronse ao mundo laboral en empresas da época coma o balneario de Céltigos (Remedios López Real ou Elena López), fábricas de galletas como Barreal (Divina López Carballo) ou en Fontecelta (Pilar Fernández Toirán).

Dende o mundo agrario pelexaron tamén por darlle un futuro ás súas familias e apoiaron loitas coma a da cota empresarial, na que xogaron un papel activo Marian Fernández e Rosa Díaz.

A emigración foi o camiño que lle tocou percorrer a outras moitas sarriás, entre as que se atopa Aurora Gallego López, nai de Yolanda e Palmira Díaz Gallego, quen tivo tenda de ultramarinos e casa de comidas e que loitou, "en circunstancias moi adversas", por proporcionarlles estudos ás fillas e buscarlles novos horizontes en Uruguai.

La sarriana Carmen Arias y el Che Guervara. EP

A exposición tampouco pasa por alto o labor de mulleres coma a costureira Delfina García Pallares ou as mestras María Dolores Trigo, Soledad Parlati, Pilar Rodríguez, Matilde Fernández e outras moitas docentes que formaron varias xeracións de sarriaos.

A poeta Xela Arias, falecida cando contaba só 41 anos, representa o mundo das letras, no que tamén fixo as súas incursións Rosa Oñate, descendente de Matías López e fundadora, no ano 1928, do semanario El Estrellao, ao que seguiría o xornal Sarria.

Gran parte da mostra está adicada ás mulleres represaliadas, ás viúvas "que non tiveron nin sequera o dereito ao dó", ás resistentes, ás solidarias e a aquelas que pagaron coa súa vida os ideais republicanos. Carmen Maceda do Incio, Consuelo Sánchez Arias de Sarria, Generosa Rodríguez de Paradela ou Elvira Engroba son algúns dos seus nomes.

"Nesta exposición hai mulleres pioneiras que romperon moldes, gandeiras e labregas loitadoras, mulleres coraxe que estiveron na emigración, mulleres que se rebelaron contra as normas da sociedade abrindo camiños...", resume María Xesús López Escudeiro.

A  iniciativa  forma  parte  da campaña Vivas e visibles, posta en marcha polo Concello sarriao para celebrar o Día da Muller e promover a igualdade de xénero. Pretende ser tamén unha "chiscadela á xuventude", para que coñeza o traballo desenvolvido por todas estas precursoras. "Queremos sacalas do anonimato, que recuperen a voz e que sexan efectivamente vivas e visibles", engade a coordinadora.

Segundo apunta, "son todas as que están, pero non están todas as que son". Por iso, este proxecto terá continuidade con outros actos arredor das mulleres que marcaron a historia de Sarria e da súa comarca, e cuxo legado é motivo de "orgullo".

Porque, tal e como afirma López Arias, "tiveron sempre unha presenza activa en todas as frontes".

Comentarios