Olga Iglesias: "Hai que reivindicar o Camiño Francés como a ruta máis antiga, con máis peregrinos e servizos"

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, vén de asumir para un período de dous anos a presidencia da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, unha entidade que agrupa once concellos e que se propón "promocionar especialmente» esta ruta e avanzar na "dixitalización e sostibilidade turística"
Olga Iglesias. AEP
photo_camera Olga Iglesias. AEP

Firme defensora da "esencia" da peregrinación e da importancia da ruta xacobea para as localidades polas que pasa, Olga Iglesias toma o relevo de Claudio Garrido como presidenta da Mancomunidade do Camiño Francés seguindo coa rotación polos distintos concellos que a forman. En nome desta entidade, recoñecida recentemente co premio Apecsa polo seu labor a prol do Camiño, recolleu o pasado venres en Santiago outra distinción concedida pola Xunta.

Que obxectivos se marca para estes dous anos de mandato?
Temos que ver o contexto no que estamos, que é o posxacobeo. Creo que hai que promocionar especialmente o Camiño Francés. Xa levamos un tempo traballando neste sentido, pero a promoción é fundamental agora e con todos os camiños novos que xorden. Temos que reivindicar que somos o Camiño que máis peregrinos trae a Santiago ancestralmente, dende hai séculos. Somos a ruta máis antiga e con mellores servizos, podemos ofrecer un Camiño máis integral. E tamén temos que traballar en adaptarnos ás novas tecnoloxías. Estamos con programas de dixitalización e sostibilidade turística.

Ven perigar dalgún xeito a predominancia do Camiño Francés?
Pois si, dende logo dende a Mancomunidade sempre defendemos que o Camiño Francés debe ter un especial recoñecemento por parte das institucións e por parte dos peregrinos tamén, que seguramente o teña, pero nós temos que traballar aí, en promoción, en calidade, en combinar o antigo e o moderno, en manter a esencia da peregrinación, que iso é fundamental. É un valor engadido, non é só turismo.

A súa presidencia coincide este ano co trixésimo aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade. Prevén algún acto con este motivo?
Algo haberá pero aínda non temos concretado. A ver tamén que vai facer a Xunta para poñernos dacordo e facer cousas distintas. Polo de pronto, no mes de marzo presentaremos un documental de 30 minutos sobre o Camiño Francés para continuar co proceso de promoción. En Fitur presentouse un tráiler deste documental. Queremos ir a feiras como Fairway e preparar xa o Fitur do 2024.

Falaba das novas tecnoloxías. Pensan pór en marcha algún tipo de plataforma para a venda online de produtos para o peregrino?
Si, esa plataforma de venda de produtos para que a xente os coñeza cando peregrina e os compre cando chegue á súa casa forma parte dun plan máis ambicioso. É tamén dixitalizar recursos turísticos en cada concello, crear por exemplo unha aplicación que permita saber cantos peregrinos fan o Camiño e que están a demandar. É un proceso de adaptarse aos novos tempos, que non vai en contra da esencia da peregrinación.

O 2022 pechouse cun récord de peregrinos e os anos seguintes a un Xacobeo acostuman ser de moita afluencia. Que expectativas hai?
Está habendo moitas reservas, a verdade. En principio os posxacobeos sempre son bos. As expectivas a priori son boas e esperemos que se confirmen.

O primeiro test será en Semana Santa. Como se presenta?
Penso que vai ir ben. Estaremos vixiantes. Na Mancomunidade temos unidade de acción. Estamos once concellos que intentamos que todo sexa por unanimidade e no ben de todos, deixando á marxe as diferenzas políticas. No Camiño non afloran.

Un dos retos é conseguir que os peregrinos sexan de longo percorrido e non se limiten aos últimos cen quilómetros. Avanzouse algo?
Nós temos un anteproxecto con algúns concellos da provincia de León. Eu parto de que hai que respectar a forma de facer de cada peregrino, pero gran parte da esencia é facer un Camiño de longo percorrido. Nese sentido traballaremos porque creo que aí tamén é onde gañamos moito respecto doutros. A xente que só fai unha parte estase perdendo moito.

Vostede tamén é vicepresidenta da Asociación de Municipios del Camino de Santiago. Comparten esa preocupación?
Na asociación nacional esa preocupación é moito maior porque loxicamente aféctalles moito máis. Si que compartimos a idea de facer o Camiño atractivo para que non se vaian a outros e que lles apeteza volver e facer o maior número de etapas posible.

No caso de Triacastela, o Camiño supón arredor do 30% do PIB. Que importancia ten para concellos pequenos como o seu?
Creo que están a saír outros datos novos de estudos da USC en colaboración con Turismo de Galicia, que van redundar neste aspecto. Nun concello pequeno como Triacastela, O Cebreiro ou Portomarín a importancia do Camiño pálpase no ambiente, na vida que hai dende Semana Santa ata novembro, nos traballos que xenera... Nun municipio como Triacastela, con menos de 800 habitantes, pode haber unha lavandería ou unha clínica de fisioterapia. Hai certos negocios que non serían viables se non fose polo Camiño. O labor da Mancomunidade é coidar iso.

Comentarios