"Habilitaremos unha liña de axudas para empresas obrigadas a pechar"

Servizos sociais, promoción turística, impulso á gandaría e á industria e establecer axudas para superar a crise económica provocada pola pandemia. Son os temas principais da axenda do alcalde de Láncara, que espera con ansia o día no que poida ir comer cos amigos
Darío Piñeiro. EP
photo_camera Darío Piñeiro. EP

O ALCALDE de Láncara é un home de acción e asegura que sempre está ocupado. Presume de ter conseguido máscaras para os seus veciños cando escaseaban e, do mesmo xeito, busca agora a maneira de axudarlles a superar a crise económica que provocou a pandemia e que non deixa fóra a ninguén.

Como están levando estes tempos tan estraños?

Con moito coidado e axudando á xente todo o que se pode. Fomos dos primeiros en comprar máscaras para repartir, incluso cando era complicado conseguilas fun eu mesmo buscalas a Santiago. Puxémonos a disposición dos veciños para levarlles o que fixera falta, comida, medicinas... e xestionamos a conexión de internet para os rapaces que non a tiñan cando se suspenderon as clases presenciais e tiveron que seguilas de xeito virtual.

Traballan nalgunha medida nova no ámbito da pandemia?

Si. Estamos vendo o xeito de habilitar unha liña de axudas para os empresarios que se vexan obrigados a pechar. Imos destinar uns 40.000 euros. Tamén queremos establecer unha partida para emerxencias de carácter social, que permita subvencionar compras de primeira necesidade, como gafas ou audífonos.

Entendo que teñen especial coidado coa poboación maior.

Si. Os servizos sociais están funcionando moi ben e a boa atención está dando resultados. Houbo unha traballadora do servizo de axuda a domicilio e un usuario contaxiados de covid-19, pero fixérono tan ben que non chegou a ninguén máis. Cos poucos medios cos que contaban conseguiron frear o virus aí e non foi a cousa a máis. Un traballo impecable.

E no concello como se apañan?

Algúns funcionarios teletraballan e outros manteñen a atención presencial nas oficinas municipais. Traballamos a porta pechada, pero a xente chama e vai entrando por orden. Non fai falta pedir cita. Polo demais, desinfectamos rúas, contedores, instalamos dispensadores de xel en varios sitios...

Neste tempo todo son atrancos.

O único positivo de todo o que está pasando é o incremento de poboación nas zonas rurais. Aumentaron os empadroamentos nos últimos meses.

É xente relacionada con Láncara ou allea?

Hai de todo. Algúns son xente de aquí que vivía fóra e outros son persoas que non tiñan relación ningunha co municipio. Agora deciden asentarse en Láncara porque nas aldeas as restricións lévanse doutro xeito, nunha casa hai máis liberdade que nun piso.

Pensa que serán veciños estables ou o retorno ao rural é unha moda pasaxeira?

Eu creo que quen dá o paso de vir para aquí teno ben pensado.

A ver se algún trae ideas empresariais para Láncara.

Pois a ver. De momento estamos pendentes dunha empresa que creará 15 postos de traballo. Investiremos 270.000 euros para mellorar os accesos ao polígono industrial e dar servizos á zona, para que empece a funcionar o antes posible.

En que máis están traballando?

Queremos facer unha zona verde e de ocio na contorna da estación do tren e darlle uso dotacional ao edificio de Adif, que está abandonado. Presentámoslle un plan especial á Xunta e estamos esperando a que o aprobe e tamén a que Adif nos ceda a estación.

Algunha obra pendente?

Estamos traballando na mellora dos accesos ás aldeas. Queremos poñer aglomerado en quente nas pistas principais porque hai moitas explotacións gandeiras, tanto de vacún coma de porcino, que requiren o tránsito de camións e necesitan boas infraestruturas. O obxectivo é que todos os accesos principais teñan o firme de aglomerado en quente, pero temos que ir pouco a pouco porque require moito investimento.

O ano pasado tiveron que suspender a feira da tenreira. Que previsión hai para a próxima edición?

Estamos organizándoa doutro xeito. Haberá un acto telemático e, xa que a xente non pode ir, levaremos a feira ás casas. Foi unha lástima ter que suspender a edición do ano pasado, xusto cando a feira conseguiu a declaración de interese turístico nacional, pero manterémola como sexa posible á espera de mellores tempos.

E para cando a xente se poida mover libremente que ten pensado?

Temos varios proxectos para impulsar o turismo en Láncara. Queremos promover o camiño real, así como a contorna do río Neira e a casa dos Castro, onde naceu o pai de Fidel. Estamos vendo as posibilidades que hai para desenvolver proxectos en torno a esas tres ideas.

Bota en falta o contacto cos amigos

Vida social
Darío Piñeiro, como todo o mundo, tivo que cambiar os seus costumes a causa do coronavirus. Di que bota en falta a vida social, que desfrutaba moito do trato cos amigos. De feito, asegura que o primeiro que fará cando se poida será "ir comer cos amigos a un restaurante de Láncara".

Peregrino preguiceiro
Di que ten pendente facer o Camiño de Santiago, pero que "por preguiza" nunca o fixo. "Teño feita a promesa de peregrinar desde O Cebreiro, pero nunca me dou decidido. Este ano, en canto o abran, sería un bo momento para cumprila". Mentres tanto, entrena paseando ou facendo algún roteiro de sendeirismo. "Gústame moito andar, pero non teño tempo e saio menos do que quixera", explica o alcalde de Láncara.

Comentarios