Unha guía oficial de turismo ofrece visitas na vila de Sarria polas tardes

O percorrido achega a visitantes, peregrinos e público en xeral os lugares máis destacados da localidade e a figura de ilustres persoeiros
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Silvia Mondelo, diante da igrexa de San Salvador. EP

A guía de turismo Silvia Mondelo López vén de pór en marcha un proxecto de visitas guiadas a pé por lugares de interese da vila de Sarria, un servizo que oferta polas tardes e co que dá cobertura a unha demanda existente.

Este proxecto, denominado A Paraxe da Bolboreta, anima a coñecer Sarria e o seu patrimonio cultural mediante "visitas guiadas de autor". Segundo explica a súa promotora, foi ideado durante a pandemia, pensando en ofrecer unha alternativa para peregrinos e visitantes que pasan as tardes na vila e que, deste xeito, poden impregnarse da súa rica historia.

Silvia Mondelo, veciña de Sarria e guía oficial de turismo, leva "meses" documentándose para realizar estas visitas. Durante este tempo, non só recabou información sobre os principais monumentos, senón tamén sobre aqueles persoeiros máis senlleiros.

É o caso do chocolateiro Matías López, unha figura "admirable" e un "visionario" que "revolucionou o mundo do márketing e da empresa". A guía destaca tamén "todo o que rodea o Camiño de Santiago" e, en particular, o mosteiro da Madalena, que define como "unha das xoias" de Sarria.

As visitas que propón, e que compatibiliza co seu traballo nunha axencia de viaxes, teñen unha duración aproximada de hora e media. Comezan na Praza da Vila para continuar por lugares como a centenaria sociedade La Unión, subir despois ata a Rúa Maior, corazón do Camiño de Santiago, e rematar no mosteiro.

O prezo é de 8 euros por persoa e requírese un mínimo de 5 para poder facer o percorrido. Os interesados poden reservar praza e informarse no teléfono 613.048.333 ou no correo [email protected].

Este proxecto nace, en principio, de maio a outubro, de luns a sábado. Silvia Mondelo xa guiou un par de visitas e non descarta organizar algunha máis específica para a xente da vila, co fin achegar unha riqueza que moitas veces é "descoñecida" porque, segundo di, "Sarria ten moito que ofrecer a nivel cultural e de recursos".

Comentarios