lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

Olaría: a gran paixón de Manuel Calzada

A ámboa de Samos con inscrición de 1731 e un xarro de Gundivós
A ámboa de Samos con inscrición de 1731 e un xarro de Gundivós

O desaparecido anticuario sarriao reuniu durante catro décadas da súa vida unha importante mostra de olaría

A TRADICIÓN das antigüidades en Sarria ten dous nomes propios, Gerardo Alvaredo Vegas e Manuel López Calzada que, aló polos anos 60, iniciaron unha actividade que, co tempo, ía converterse nun dos sinais de identidade desta vila. Froito do seu traballo, ambos os dous foron reunindo valiosas pezas que, no caso de Calzada, deron pé a unha colección de olaría formada por máis de 200 obxectos, cuxa importancia radica tanto na antigüidade dalgúns exemplares como na súa variedade, representativos do traballo de artesáns de distintos puntos de Galicia.

Carmelina López, filla de Manuel Calzada e actual decana dos anticuarios de Sarria, encargouse de velar por esa colección e tamén de ampliala, grazas a unha afección compartida con seu pai. "El sempre tivo interese pola olaría, dende que se iniciou nas antigüidades ata que faleceu no ano 2007. Gustáballe moito e ía gardando as pezas que máis lle interesaban. Tamén eu apartaba as que me gustaban a min", conta esta sarriá.

A colección abrangue pezas de moitas zonas de Galicia, como un pucheiro para o mel de O Seixo-Portomourisco (Ourense)

Foi así como, ao longo de 40 anos, ademais de vender moitos obxectos mesmo para o estranxeiro, foise forxando unha mostra que contén en si un anaco da historia desta artesanía popular.

Gran parte das pezas da colección foron elaboradas na provincia de Lugo, estando representada a cerámica de Bonxe (Outeiro de Rei), Gundivós (Sober), Mondoñedo e Samos, esta última procedente de lugares como Lamartín, Romelle, Lamas ou Lourido. Mais tamén existe unha importante selección da olaría típica doutros lugares como Buño, na Coruña, ou O Seixo-Portomourisco e Niñodaguia, estas últimas en Ourense.

Moitos destes obxectos foron fotografados e documentados por Hixinio Flores, autor xunto a Orlando Viveiro, dun libro sobre as formas tradicionais da cerámica popular de Samos, que acaba de ver a luz e que será obxecto dunha presentación en Roxofrei, neste concello, o vindeiro día 1.

Segundo explica o experto, cada unha das pezas de olaría ten unha "identidade propia" en función do lugar onde fose elaborada. A decoración "cambia completamente" dunha zona a outra (en Gundivós, son característicos os cordóns, por exemplo), do mesmo xeito que tamén varía a composición do barro (nalgúns sitios coma Bonxe mesturados para gañar en plasticidade) e o uso de tornos altos (caso de Samos) ou baixos.

Os fornos tamén presentan diferencias segundo as zonas, mais o que se mantén inalterable é a funcionalidade das pezas que saen deles. Trátase de obxectos cun uso práctico, dende as ámboas para gardar viño ou gran, sellas para a auga, olas para mazar o leite ou para medir o viño, botixos, queixeiras, alcuzas para o aceite, barreños para a zorza, recipientes para facer a torta de millo, chocolateiras, cuncas, xarras, meleiras... Estas últimas identifícanse claramente porque «teñen un borde no que se botaba auga para que non subiran as formigas ao mel», explica Carmelina López, en cuxa colección figuran todos estes obxectos xunto a outros "pequeniños que se facían coma se fosen xoguetes para os nenos".

Unha ámboa datada no 1731 e modelada en Samos é unha das xoias dunha colección que coidou e ampliou a súa filla Carmelina

Unha das pezas á que lle ten máis aprecio consiste nunha ámboa do ano 1731 procedente de Samos, un dos centros de olaría de Galicia dos que "é moi escaso o material que queda", comenta.

A elaboración deste tipo de cerámica, que facían os barraxeiros e que despois se vendía en ferias como as de Castroncán, Lóuzara ou Triacastela, está documentada en Samos dende principios do século XVIII, mais a tradición desapareceu hai xa décadas. Agora, un colectivo de recente creación, proponse recuperar e conservar esta artesanía para o cal xa fixeron algunha cocción nun forno restaurado en Roxofrei.

Segundo os expertos, ao igual que no caso de Samos tampouco quedan artesáns do barro da zona de O Seixo-Portomourisco, onde as protagonistas eran as mulleres, de aí que a colección de Antigüidades Calzada teña, ademais dun valor "sentimental" e económico, un compoñente histórico.

Algunhas destas pezas foron cedidas para exposicións do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación Provincial de Lugo ou do Museo do Pobo Galego.

Olaría: a gran paixón de Manuel Calzada
Comentarios