A gaiteira Carme López presentou en Sarria o seu primeiro disco, 'Quintela'

O álbum busca afastarse do canon da música tradicional virando cara ao experimental
undefined
photo_camera Carme López, autora de 'Quintela'. EP

A artista de Rubián de Cima (O Incio) Carme López presentou no espazo multidisciplinar O Garaxe en Sarria o seu primeiro disco, Quintela. Aínda que o seu principal ámbito é o da música tradicional, neste álbum consegue afastarse desa idea indo cara a unha vertente máis experimental, a cal pecha con temáticas que lle recordan á súa infancia, comezando polo nome, que era o da casa na que se criou.

A intención do seu traballo era crear algo propio que a definise. "Quería afastarme da figura canon do gaiteiro e facer algo que tivese máis relación coa figura das pandeireteiras, que se xuntaban para cantar entre todas", declarou.

O disco vira tamén na percepción da música, xa que vai cara a un estilo máis experimental. Iso fai que a proposta para pechar o traballo e entrelazalo teña tanta importancia no resultado final, apuntou. A artista emprega ideas da súa infancia que lle permite dar unha liña conceptual.

Non só se reflicte en cada un dos catro temas, máis un prólogo e un epílogo, de xeito musical, senón que tamén o consegue a través de "dedicatorias ás persoas e aos animais que marcaron a miña vida", que aparecen no título de cada canción, algo que tamén se complementa co propio nome do disco, Quintela.

O proxecto non só fixo que a artista do Incio puidese presentar un álbum persoal, senón que "cambiou a miña perspectiva de como facer as cousas". "Cada un dos temas que conforman o disco propúxome retos aos que lles tiven que dar solucións diferentes a base da improvisación", afirmou Carme López.

Público. A propia artista atopouse "moi sorprendida" debido á "acollida excepcional" que está tendo este proxecto. Á gaiteira xa lle chegaron propostas para tocar en festivais importantes por toda Europa, sendo esta a primeira vez que vai ofrecer este tipo de música máis experimental en directo en grandes espazos.

Inda que, por unha banda, está moi contenta, xa que "non sabía que un tipo de música moi alternativa como é a experimental interesase deste xeito", atópase "triste" no que se refire a que "o campo tradicional, que é o que máis traballo, non logre ter ese oco debido a que é complicado atopar espazos axeitados coas condicións laborais necesarias para poder tocar", sinalou a artista.

Inicios. Xa dende cativa, Carme López comezou a interesarse no mundo da música, sobre todo na pandeireta e na gaita, que aínda a seguen acompañando. Todo empezou na asociación cultural Peleriños, onde tamén daría os seus primeiros pasos como docente.

Para a inciense, a relación extensa coa música a través de todas as vivencias que lle ocorreron ao longo dos anos foron o mellor dende que pode tocar instrumentos musicais. Ademais, comenta que "sempre tiven a sorte de poder relacionar a música tradicional coas diferentes facetas profesionais ás que me fun dedicando".

Comentarios