Un foro analizará en Láncara a importancia do vacún de carne

Catro expertos falarán sobre o sector este sábado, no que se celebraría a tradicional feira
TERNEIRA GALEGA

Un foro organizado polo Concello de Láncara e o grupo El Progreso abordará o vindeiro sábado no centro polifuncional da Pobra de San Xiao a importancia do sector vacún de carne para a economía deste municipio.

Esta xornada terá lugar coincidindo co día 1 de maio, data na que tradicionalmente se celebra na capitalidade de Láncara a Feira da Tenreira Galega, recoñecida o pasado ano pola Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico da comunidade galega e que supera xa os vinte anos de vida.

A pandemia do coronavirus impide por segundo ano consecutivo a organización deste evento, pero manterase vivo de xeito virtual. Entre os actos previstos para exaltar a produción de vacún de carne e as súas excelencias gastronómicas atópase esta mesa redonda, que contará coa participación de catro expertos na materia.

Así, intervirán o director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán; o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Francisco Sineiro; e o gandeiro de Láncara José Manuel Núñez Bruzos.

Da man de todos eles analizarase a situación do sector, os retos aos que se enfronta e a súa contribución á economía de concellos rurais como o de Láncara, onde a actividade agrogandeira goza dun importante peso específico.

TERNEIRA GALEGA

APERTURA E PECHE. A xornada terá unha apertura a cargo do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a participación a modo de saudación do conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez. Pola súa banda, encargarase de pechar o acto o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro.

Tanto as intervencións de apertura e peche como o coloquio, moderado pola delegada de El Progreso en Sarria, Ana Casanova, poderán seguirse en directo a través da páxina www.elprogreso.es a partir das 12.00 horas.

O foro completarase coa emisión de varios vídeos nos que distintos veciños do municipio de Láncara, adicados ao sector da hostalaría, aportarán a súa visión sobre a carne de vacún, tanto desde o punto de vista culinario como dende a perspectiva de contribución á economía local.

Comentarios