As fondas raíces do mundo rural

Nenos e nenas do Incio e do Courel crean un vídeo xunto aos músicos Lucía Pérez e Vizcaíno e co mestre Jesús Somoza para concienciar sobre a igualdade e contra a violencia de xénero
Niños de O Incio y O Courel grabaron un videoclip contra la violencia de género
photo_camera Parte dos nenos que participaron no videoclip, xunto aos artistas, o mestre e o equipo técnico no encoro de Vilasouto. EP

O rural ten moito que dicir. Dende as terras de fondas raíces do Incio e do Courel os nenos e nenas destes dous concellos lanzan un berro musical en contra da violencia de xénero e para concienciar sobre a importancia da igualdade e do respecto á diversidade. Son os protagonistas dun videoclip que se deu a coñecer este martes e que está a acadar xa unha ampla repercusión, no que participan cos recoñecidos artistas do Incio Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno e co mestre sarriao Jesús Somoza.

Da mesma raíz é o título deste proxecto, gravado entre O Incio e O Courel por Salitre Audiovisuais, que combina a parte didáctica coa musical e na que xuntos interpretan unha canción composta por Vizcaíno. "Todos somos follas do mesmo souto, peixes do mesmo mar", di a letra dun tema de ritmo pegadizo e con coreografía de Lucía Pérez e Jesús Somoza.

"É a primeira canción que fago para nenos", explica Vizcaíno, quen confesa que a tarefa "tivo o seu aquel" polo tipo de público ao que se dirixe e a temática que trata. "Fíxeno con moito cariño", asegura o autor, quen se amosa satisfeito co resultado e agarda que acade unha gran difusión para lograr ese obxectivo común de "concienciar" dende o rural sobre valores como a igualdade.

A idea deste "traballo en equipo" estaba xa na cabeza de Jesús Somoza antes de que chegara a pandemia e obrigara a aprazar tantos plans. Para este mestre resulta básico educar en valores dende curta idade para evitar "prexuízos" no futuro. E que mellor que lanzar esta mensaxe con nenos e nenas de zonas rurais como O Incio ou O Courel aos que lles sobran cualidades como "naturalidade, espontaneidade ou liberdade, das que temos que aprender".

"Os nenos son as raíces da sociedade e as ramificacións dunha mesma raíz representan a diversidade. De aí o título deste proxecto", sinala o mestre, quen lle agradece ás familias dos menores ás facilidades que puxeron.

Esta iniciativa "ilusionante", en palabras de Lucía Pérez, está financiada pola secretaría xeral de Igualdade da Xunta e conta coa colaboración dos concellos do Incio e do Courel. Os alcaldes, Héctor Corujo e Lola Castro, respectivamente, asistiron á presentación do vídeo nos colexios Ricardo Gasset e Uxío Novoneyra. Trátase, segundo dixeron, "de enxalzar o rural e amosar todo o que ofrece, non só na defensa da igualdade, senón tamén a nivel turístico, con imaxes espectaculares" destes municipios a vista de dron.

Pero é que, ademais, o videoclip destes nenos poderá ser utilizado como material educativo por outros centros porque, tal e como apunta Somoza, "non hai moitas cancións en galego con esta temática para traballar na escola".

Niños de O Courel y O Incio grabaron un videoclip contra la violencia de género