A Fiscalía pide ao Concello de Sarria información sobre contratos de obras en pistas

Inicia a investigación despois do escrito duns edís polo "posible fraccionamento" de facturas na limpeza e reparación de camiños

A Fiscalía de Monforte solicitou ao Concello sarriao información sobre contratos de obras en pistas municipais. O organismo inicia unha investigacións despois de que os concelleiros non adscritos Antón Fortes e Benjamín Escontrela presentaran un escrito o pasado 3 de novembro.

No documento reclaman á Fiscalía a apertura dunha investigación por se os feitos fosen constitutivos dun delito ou infracción "ao poderse estar eludindo con ese xeito de actuar a Lei de Contratos Públicos por atoparnos en presenza dun posible fraccionamento de traballos e facturas, isto é, ao podernos atopar diante dun hipotético fraccionamento indebido do obxecto dos contratos".

Denuncian que se fan obras en viais e todas as facturas son menores a 18.000 euros, cantidade desde a que os traballos terían que ser adxudicados a través dun concurso, din.

No escrito fan constar que no ano 2015 gastáronse 426.788 euros en limpeza e arranxos de pistas, mentres que en 2016 foron 642.806, segundo respondeu o delegado de medio rural nun pleno ao concelleiro Antón Fortes, indica o documento remitido á Fiscalía. "Recoñece así mesmo que destas facturas emitidas hainas con reparos da interventora do Concello", apunta.

Pola súa banda, entre o 23 de xuño e o 11 de outubro do pasado ano hai facturas por "212.899 euros", recolle o escrito. Os concelleiros denuncian que as obras son adxudicadas sen concurso público e que os traballos executados na mesma zona están fraccionados en facturas que sumadas superan 18.000 euros.

No escrito presentado sinalan que noutro pleno o goberno recoñeceu que procedería un contrato da totalidade do servizo en lugar do fraccionamento dos traballos.

Fortes e Escontrela indican que levan dous anos esixindo reiteradamente nos plenos que se saque a concurso todas as obras de servizos de máis de 18.000 euros, facendo especial fincapé en Medio Rural. Consideran que desta forma "garantizaríase un menor prezo e sería máis democrático, controlable e evitaría a adxudicación a dedo e a escolla discrecional de obras e servizos". "É curioso que o concelleiro criticara este xeito de actuar e agora o aplique", afirman.

"Non vale a desculpa da alcaldesa de que se vai facer cando haxa alguén que axude aos funcionarios existentes cando en dúas semanas o técnico do Concello elaborou o prego de cláusulas administrativas para contratar as obras do proxecto melloras de camiños municipais 2017 de Agader. É unha falta de vontade", opinaron.

Con esta forma de executar as obras é "imposible fiscalizar como se fan estes traballos", sinalaron os concelleiros, quenes indicaron que segundo como continúe a investigación da Fiscalía de Monforte tomarán "as medidas políticas pertinentes".

"Non temos nada que esconder", di o goberno
O concelleiro de Medio Rural de Sarria, Efrén Castro, sinalou que desde o goberno municipal "estamos tranquilos, non temos nada que esconder" ante o inicio da investigación da Fiscalía de Monforte pola forma de adxudicación dos contratos para a limpeza e reparación de camiños.

Sinalou que recibiron este mesmo venres o escrito deste organismo e que descoñecen por agora a que anos se refire a solicitude de documentación sobre os contratos. A próxima semana iniciarán os trámites para remitir toda a información que precise a Fiscalía monfortina.

 

Comentarios