O festival de Louseiro San Martiño Caníbal volve en novembro con 5 concertos

O evento, que celebrará a súa décima edición, incluirá un xantar popular a base de cocido e un pase musical para o público infantil
O festival San Martiño Caníbal celebrouse por última vez en 2019. AEP
photo_camera O festival San Martiño Caníbal celebrouse por última vez en 2019. AEP

A parroquia sarriá de Louseiro volverá celebrar, o día 12 de novembro, o festival musical e gastronómico San Martiño Caníbal, que animará a tempada de outuno con cinco concertos de entrada libre e un xantar popular.

A asociación cultural e veciñal Os Gorriós, coa colaboración do Concello de Sarria, organiza este evento, que se recupera despois de tres anos e que chega á súa décima edición. Segundo explica a presidenta do colectivo, Rosa López, a comida consistirá nunha degustación de cocido, para a cal se poderán retirar as entradas nos vindeiros días no establecemento Moncho Moda de Sarria ao prezo de 27 euros (30 se se mercan o propio día no campo da festa).

Ao longo da xornada subirán ao escenario desta parroquia dun cento de habitantes ata cinco grupos e solistas que permitirán gozar "dunha festa de verbena variada con diferentes estilos", comenta David Celeiro, quen traballou na elaboración do cartel.

Así, abrirán a sesión vermú Los Wavy Gravies, un trío da zona do Morrazo que, dende o ano 2014, fai dos seus concertos auténticas celebracións do rock&roll. A sesión de tarde comezará con Cé Orquestra Pantasma (o vigués César Freiría), que ofrecerá un primeiro pase para o público infantil e unha segunda actuación para adultos.

O festival contará tamén cos ritmos folk do grupo Xerezade, chegado dende o veciño concello do Incio, e co punk rock da banda luguesa Filophóbicas. Esta décima edición rematará xa de madrugada co concerto de Untides, que aportará o seu metal extremo dende Lugo, sinala Celeiro.

O San Martiño Caníbal despedirá a tempada de festivais da comarca de Sarria, non sen antes celebrar nesta mesma parroquia, o día 31, o magosto veciñal.

Comentarios