As ferreñas resoan con forza

A asociación Buril de Sarria foi o xerme dun novo grupo de pandeireteiras de variadas idades que, baixo a batuta de Inma Castro, goza "deste grande instrumento" e da música tradicional
Integrantes do grupo musical Ferreña Libre de Sarria. EP
photo_camera Integrantes do grupo musical Ferreña Libre de Sarria. EP

Todo comezou como "unha xuntanza de amigas" para tocar a pandeireta na asociación cultural, deportiva e ecolóxica Buril de Sarria. Así naceu o que hoxe se coñece como o grupo Ferreña Libre, que xa comeza a dar os seus primeiros concertos e do que forman parte uns 20 integrantes, entre eles varios homes, cun amplo abano de idades que pisan con forza o escenario e comparten paixón por "este grande instrumento".

Inma Castro Serén é a artífice deste proxecto. Natural de Friol, chegou a Sarria hai catro anos, xusto cando Buril comezaba a dar os seus primeiros pasos. E que mellor xeito de colaborar con eses inicios que ofrecerse para dar clases de pandeireta. "Ao principio eramos cinco máis ou menos. Eu tamén fun aprendendo como dirixir a persoas coa inquietude de achegarse a este instrumento. Xuntámonos para cantar, tocar e gozar da nosa cultura e da nosa tradición musical, que é moi ampla", explica a profesora.

Xúntase xente moi diversa que nunca probara a pandeireta. Para min é unha satisfacción ver como evolucionaron

Pouco a pouco foron crecendo e hoxe son unha vintena as persoas que asisten ás clases, que se imparten todos os luns, nos niveis de iniciación e avanzado, e previo pago dunha pequena taxa para manter o local de Buril.

Coa pandeireta como fío condutor, alí danse cita veciñas e veciños de entre 20 e 70 anos de idade, toda unha demostración de "como a música tradicional é interxeracional", destaca Inma Castro. "Xúntase xente moi diversa que nunca probara a pandeireta. Para min é unha satisfacción ver como evolucionaron. Ademais, cantando e tocando á maioría da xente alégraselle a vida", engade.

A maioría das pezas que tocamos propóñenas as alumnas. De Xabier Díaz, Aliboria, Leilía, Os Carunchos... É un xeito de amosar admiración e respecto polos músicos contemporáneos

Tanto é así que, a modo de exemplo, expón o caso de dúas rapazas arxentinas que aproveitaron unha estancia dun mes en Sarria para recibir unhas primeiras clases deste instrumento e marchar "encantadas" coa experiencia.

Admiradora de Radio Cos e membro do grupo Pan Sen Fron, Inma Castro bebe deste coñecemento e inspírase neles para un repertorio que tamén queda ao criterio do alumnado. "A maioría das pezas que tocamos propóñenas as alumnas. De Xabier Díaz, Aliboria, Leilía, Os Carunchos... É un xeito de amosar admiración e respecto polos músicos contemporáneos nosos", sinala.

Cando xa levaban un tempo ensaiando no Buril decidiron bautizarse como Ferreña Libre. O seguinte para era claro: "Tanto practicar para non actuar?". Así, estreáronse coma teloneiras nun dos concertos que organiza a asociación, pero a súa "gran posta en escena" chegaría co festival San Martiño Caníbal da parroquia de Louseiro o pasado novembro. Tan "grande experiencia" anímaos a repetir. "Cando nos chamen aló imos", asegura a mestra.

Comentarios