A Feira de Antigüidades ten aberto o prazo de inscrición para os expositores ata o 22

O evento será os días 4 e 5 de maio na Rúa Porvir e Marqués de Ugena

Visitantes nunha edición da Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración. AEP
photo_camera Visitantes nunha edición da Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración. AEP

A Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración de Sarria, que celebrará a súa vixésimo sétima edición os días 4 e 5 de maio, ten aberto o prazo de inscrición para os expositores interesados en participar, que poderán rexistrar as súas solicitudes ata o vindeiro día 22.

Para iso deberán cubrir un formulario e achegar a documentación requirida a través de sede electrónica do Concello de Sarria ou de xeito presencial no rexistro municipal, de luns a venres, de 9.00 a 14.00.

A feira de San Lázaro é un mercado urbano ao aire libre que engloba antigüidades e coleccionismo e no que se realizan outras actividades como exposicións ou demostracións de oficios. Celébrase baixo unhas carpas situadas na Rúa Porvir e Marqués de Ugena, de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas.

Ademais, durante toda esa fin de semana estarán abertas as tendas das anticuarias de Sarria situadas na Rúa Porvir.

Todos os obxectos expostos deberán ter unha antigüidade mínima de 50 anos ou, do contrario, indicar nun lugar visible que son pezas vintage.

Comentarios