A Feira de Antigüidades e Restauración de Sarria, que este ano se ampliou a tres días aproveitando o festivo do 1 de maio, pechou este luns na Rúa Porvir cun bo balance de público e de vendas.
As profesionais sarriás do sector amosáronse moi contentas co resultado da feira, que nesta vixésima sexta edición non só contou con clientes habituais, senón tamén cun novo público que se interesou por primeira vez nas antigüidades, explicaron.
Moitas das persoas que se achegaron ata Sarria fixérono dende diferentes puntos da xeografía galega e mesmo dende outras comunidades. Un dos momentos de maior afluencia rexistrouse na tarde do sábado, de xeito que algúns expositores tiveron que retrasar a hora de peche porque seguían recibindo xente, tal e como apuntaron.
O Concello de Sarria, organizador da feira en colaboración cos anticuarios, destacou tamén o bo resultado dunha edición "especial" na que confluíron distintas actos, como o rally de clásicos, a presentación do libro de Mirella López ou o concerto de blues.
A concelleira de Festas, Geni Valcárcel, agradeceu a participación de todos os expositores e incidiu na variedade de mostras que se puideron ver grazas á implicación de distintas asociacións e particulares. Foi o caso do colectivo El Serbal, cuxa exposición de bonsáis recibiu numerosos visitantes.
Tamén espertaron interese a demostración de cerámica de Manuel Fernández Lolo e a de talla en madeira da asociación Sarricanta, así como a mostra de traballos do artista José Antonio Quiroga, a costura creativa de Aurora Rodil, os bolillos da Asociación de Palilleiras Camiño de Santiago e os vehículos antigos do club Clásic@s Sarria.
Ademais, o terceiro e último día de feira estivo amenizado polos grupos de música e baile de Peleriños, que fixeron un pasarrúas por todo o recinto.
A Feira de Antigüidades cambiou para maio o pasado ano e, dada a boa acollida, todo indica que continuará nestas datas.