A feira de anticuarios terá profesionais de Francia nas súas vodas de prata

O evento vén de completar dous días de celebración e pensa xa na vindeira edición, na que cumprirá 25 anos

Visitantes nun dos expositores da feira de anticuarios de Sarria. VILA
photo_camera Visitantes nun dos expositores da feira de anticuarios de Sarria. VILA

A Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración de Sarria clausurouse este domingo tras dous días de celebración e pensando xa na vindeira edición, na que se cumprirán as súas vodas de prata e para a cal se espera a participación de profesionais deste sector con orixe en Francia.

Segundo explicou a concelleira de turismo, Marisa López, este ano houbo contactos cuns anticuarios franceses que amosaron interese por asistir á seguinte edición, na que se cumpirán 25 anos deste evento. Con esta incorporación, a feira de Sarria farase máis internacional, xa que se sumarán aos profesionais de Portugal que levan varios anos participando. 

A concelleira fixo un balance "positivo" destes dous días de mercado, celebrado o sábado e o domingo na Rúa do Porvir e en Marqués de Ugena, tanto nas carpas instaladas polo Concello como nas propias tendas dos anticuarios da vila. "A pesar das inclemencias meteorolóxicas o balance é positivo. A xente que vén, volve. De feito, os anticuarios que viñeron novos este ano xa amosaron interese por repetir", asegurou. 

Marisa López valorou tamén a participación do público, chegado dende numerosos puntos de Galicia como "Ferrol, A Coruña, Santiago, Ordes ou Ribadeo", así como de Asturias. "A xente que veu, veu comprar", destacou. 

Sinalou tamén que, de cara á vindeira edición, desde o Concello de Sarria intentarase potenciar a Feira de San Lázaro con algún tipo de atractivo engadido para celebrar as vodas de prata. 

28 EXPOSITORES. Este ano foi un dos máis numerosos en canto a expositores, contabilizándose un total de 28, dos cales 24 eran anticuarios e coleccionistas. Ademais, o público puido gozar dun café-bar ambientado nos anos 20 e ideado pola diseñadora María Beltrán con pezas dos anticuarios de Sarria. Este expositor completouse con música en directo e degustación de produtos locais. 

Tamén se puido ver unha exhibición de talla en madeira de Sarricanta, unha mostra de olería da asociación Canaveira e variadas exposicións na casa da cultura. 

A agrupación tradicional Peleriños amenizou a xornada do domingo, cunha actuación que se trasladou á casa da cultura debido ao mal tempo. Do mesmo xeito, a feira ofreceu postos de comida e actividades para os nenos.

Comentarios