A familia Seivane ponlle son ao Facer País

A saga ao completo recolleu en Láncara o premio Ramón Piñeiro en recoñecemento ao seu labor como músicos e artesáns da gaita

Familia Seivane en Láncara. BANDEA familia Seivane ao completo recolleu este domingo en Láncara o décimo sétimo premio Ramón Piñeiro, Facer País, que recoñece a súa longa tradición coma músicos e artesáns da gaita. Álvaro e Xosé Seivane, xunto con Susana, Saínza e os máis pequenos desta saga festexaron o galardón cunha actuación conxunta que deixou mostra "do profundo amor polo noso instrumento e o compromiso co noso país" inculcados polo patriarca, Xosé Manuel Seivane.

"Para nós a gaita é o símbolo musical de Galicia e con ela espallamos a nosa cultura polo mundo. Este premio anímanos a seguir esforzándonos día a día polo gaita e polo noso país", afirmaron.

A asociación Val de Láncara, xunto con outros colectivos culturais da comarca de Sarria e do Corgo concedéronlles este premio polo seu labor "na dignificación da artesanía popular e, nomeadamente, da gaita galega".

Os actos de entrega comezaron na casa do concello da Pobra de San Xiao, onde foron recibidos polo alcalde, Darío Piñeiro, e onde a gaiteira internacional Susana Seivane firmou no libro de honra.A comitiva trasladouse despois ata Láncara, en cuxa casa de turismo tivo lugar a benvida aos premiados a cargo de Ana Rivera, da asociación Val de Láncara, quen lles desexou "que as vosas gaitas e os vosos cantos anovados leven a verdadeira imaxe da Galiza eterna por todos os vieiros do mundo!".

Tras unha visita á vivenda natal do pai de Fidel e Raúl Castro, onde está en marcha un proxecto de rehabilitación, os actos continuaron no antigo concello de Carracedo, conducidos pola delegada de El Progreso en Sarria, Ana Casanova, quen se refiriu aos Seivane coma "o apelido da gaita en Galicia". En nome da asociación Val de Láncara, lembrou tamén a figura dun dos seus fundadores, Manuel Fernández Arrojo, recentemente falecido, que será homenaxeado no mes de febreiro adicándolle a área recreativa da parroquia.

O escritor, filólogo e mestre Xosé Manuel Sánchez Rei, quen ultima un libro sobre o patriarca dos Seivane, repasou a historia e os méritos desta familia, partindo daquel 1939 no que Xosé Manuel Seivane Rivas "constrúe a súa primeira gaita de modo completamente autodidacta" e axudado por "unha navalla, unha brillante intuición e unhas destrezas pouco comúns". Dende aqueles orixes "ilustres músicos e músicas de todo o mundo tocan con instrumentos fabricados na Ribeira de Piquín ou en Cambre e, cando o fan, conseguen que esas gaitas falen galego", asegurou.

Dúas integrantes de Val de Láncar leron a acta do xurado, o que deu paso á entrega do galardón (sen dotación económica) da man do premiado na anterior edición, Alfonso Blanco Torrado, en nome da asociación Xermolos. Participou tamén a cónsul xeral da República de Cuba en Galicia, Asturias e Cantabria, Yahima Martínez.

A familia Seivane cualificou o premio de "dobremente emotivo" por recibilo de Alfonso Blanco e asegurou estar ante un recoñecemento ilusionante "polo galeguismo que implica". "Coma o noso patriarca, coma vós, traballamos sen descanso pola nosa cultura, un patrimonio herdado do que estamos moi orgullosos", dixeron.

Os actos remataron cunha ofrenda floral ante o busto de Ramón Piñeiro e un xantar no que soaron as gaitas dos Seivane.

Comentarios