O glamur está no rural

Exposición no Muvicla ▶O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria de Láncara expón de forma temporal un tractor e un deportivo Porsche, proba de que "marcas de coches das máis glamurosas da historia" xurdiron no "corazón das fábricas de tractores"
Marcos Vázquez Marey, xunto a un Porsche de 1962 e un tractor da mesma marca de 1952. VILA
photo_camera Marcos Vázquez Marey, xunto a un Porsche de 1962 e un tractor da mesma marca de 1952. VILA
Conta Marcos Vázquez Marey, artífice do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla) de Trasliste (Láncara), que un pique entre Ferruccio Lamborghini e Enzo Ferrari por unha cuestión mecánica foi o detonante para que o primeiro, procedente dunha familia italiana que na súa orixe se adicaba á cría de touros de lidia, comezase a fabricar vehículos de alta gama.

"Lamborghini é unha marca mítica de coches, pero realmente é unha marca de tractores", explica, un caso que non é único, senón que algúns dos modelos deportivos máis laureados ao longo da historia "naceron da enxeñaría da mecanización agraria".

Como proba deste feito, o Muvicla, integrado nunha casa de labranza con máis de 200 anos de antigüidade, vén de abrir unha exposición temporal na que se poden ver un coche Porsche de 1962 e un tractor da mesma marca fabricado xusto unha década antes.

Segundo explica Marcos Vázquez, trátase dun deportivo 356, o primeiro modelo de Porsche, que emprega o chasis do Volkswagen "escarabajo" e presenta "uns acabados e unha calidade extraordinaria", ademais de "90 cabalos, que é moitísimo para a época". Pertence a Carlos Somoza, que o cedeu para esta exposición, que permanecerá aberta dous meses.

No caso do tractor, propiedade do vilalbés Manuel Prieto, destaca o seu cadro con cinco reloxos, "impensable" para os anos 50 do pasado século, que imita ao dun turismo xunto a outros elementos como "un capó abatible ou unha caixa portadocumentos".

"Agora son tractores moi valorados por ser Porsche e clásicos, pero no seu momento non eran competitivos", comenta o experto, quen opina que o fabricante "fracasou un pouco por querer emular a disciplina de funcionamento nos coches, que pouco tiña que ver cos tractores".

ASTON MARTIN. Aston Martin é outra das marcas con glamour que comezou a súa traxectoria con maquinaria agrícola. De novo a anécdota e unha certa disputa están na orixe do seu salto á industria do automóbil. "David Brown, que era un fabricante de tractores, comprou Aston Martin, marca de coches que nunca producira, porque quería facer o coche para a película de James Bond e non tiña patentada unha marca", expón Marcos Vázquez. Nacía así o primeiro "DB5 de 007", no que figuran as siglas do seu fundador.

O responsable do Muvicla ten en mente organizar no futuro outra exposición temporal cun coche e un tractor desta mesma marca aproveitando que nas propias instalacións xa teñen "o máis antigo de Galicia", do ano 1947.

Para poder preparar este tipo de mostras o museo incorporou unha carpa cunha axuda da área de Medio Rural da Deputación.

Compleméntase así unha colección permanente formada por unha decena de tractores en perfecto funcionamento e multitude de maquinaria agrícola, que xa foi visitada dende a súa apertura, en xuño do 2019, por numerosas persoas, na súa maioría cun perfil "cultural, de xente que é de museo e valora o patrimonio".

O obxectivo de Marcos Vázquez con esta mostra sobre o glamour é "atraer xente que non teña nada que ver co rural, que lle chame a atención ver un coche superdeportivo ó lado dun tractor, e que posiblemente ignore que esta marca, neste caso Porsche, antes de facer este coche, fixo este tractor".

No fondo, o desexo do Muvicla é sempre o mesmo: poñer en valor o mundo rural, destacar o seu potencial e, a través da historia da locomoción agraria, reivindicar o gran valor do campo galego.

Ampliación. Un John Deere para a colección permanente
O Muvicla intentou "converter a amenaza do covid nunha oportunidade para facer cousas para as que non había tempo". Así, nestes últimos meses comprou para a colección permanente un tractor John Deere 550, "o primeiro que se fabricou en españa baixo a marca Lanz" e que está en fase de restauración.

Biomasa
Tamén instalou calefacción por biomasa, mellorou os paneis informativos e avanzou na restauración da colleitado-ra autopropulsada.

Comentarios