O exalcalde do Páramo encabezará en maio a lista de Alternativa Veciñal

Gumersindo Rodríguez Liz, que fora rexedor polo PP, anuncia a súa candidatura nunha carta aos veciños
Gumersindo Rodríguez, exalcalde de O Päramo
photo_camera Gumersindo Rodríguez, exalcalde do Páramo. AEP

O exalcalde do Páramo Gumersindo Rodríguez Liz, quen hai unhas semanas deixou o grupo popular deste Concello para pasar a edil non adscrito, será o cabeza de lista nas vindeiras eleccións municipais de maio dunha nova agrupación denominada Alternativa Veciñal polo Páramo.

A candidatura do que foi alcalde deste concello durante 36 anos baixo as siglas do PP foi anunciada por el mesmo aos veciños nunha carta con data do pasado xoves e que comezou a distribuír este venres.

"Quero que saibades directamente por min que desexo ser, outra vez, o voso alcalde, e que para iso vou concorrer cunha alternativa veciñal ás eleccións do 28 de maio. Estou sufrindo, con moita paciencia, as últimas derivas da política municipal do Páramo. E para poñerlle fin a este estado de cousas vou empregar a boa saúde que Deus me deu para atendervos como merecedes. Todos sabedes que este concello pode gobernarse moito mellor do que se está facendo. E para iso dou este paso, con humildade, prometéndovos traballar, como sempre fixen, para axudarlle aos meus veciños", manifesta no seu escrito.

Gumersindo Rodríguez, quen nas últimas eleccións se presentou como número dous da lista do PP tras nove mandatos de alcalde, toma esta decisión despois de que este partido fichase como novo líder ao actual rexedor independente, José Luis López, da agrupación Todo polo Páramo, medida coa que non estivo de acordo.

Traída de auga

Na súa carta de presentación avanza xa algunhas liñas do seu programa electoral, como son o reforzo da brigada de obras —"que agora esmorece", opina—, a recollida de plásticos agrícolas cada tres meses nas explotacións gandeiras, a poda "con delicadeza" de ramas que estorben nos camiños usando para iso medios do Concello ou a modificación do cobro da agua da traída municipal, "porque me doe moito o custo que agora tedes que pagar", di.

Rodríguez Liz insiste en que na súa etapa como alcalde puxo "moita ilusión e traballo" en todo o relacionado co abastecemento. "Quero que saibades que eu estou a favor de cobrar algo polo consumo, pero sen sobordar a cuarta parte do que hoxe se vos está cobrando. E, para iso, modificaremos a ordenanza", anuncia.

Afirma tamén que posiblemente fixera "mal algunhas cousas, pero ninguén é perfecto e agora volvo aprendido para non repetir parecidos erros", ao tempo que se compromete a estar cerca dos veciños "sen tocar os petos máis do necesario" e buscando financiamento na Xunta e na Deputación.

Gumersindo Rodríguez fai agora o percorrido inverso ao do actual alcalde, José Luis López, que pasou de independente a cabeza de lista do PP, nunha integración con Todo polo Páramo que tivo o apoio doutros concelleiros populares.

Queda por coñecer os nomes dos alcaldables do BNG e do PSOE, partido este no que xa comunicou que non repite Pablo Armesto. No 2019, Todo polo Páramo tivo 432 votos e catro concelleiros, os mesmos que o PP, con 372. O PSOE logrou 108 e un edil, e o BNG e CxG quedaron sen representación.

Comentarios