Evacuado en helicóptero un sarriao que sufriu un accidente cun tractor

O home tiña lesións nas pernas, aínda que por fortuna non quedou atrapado no vehículo

Un veciño de Sarria de 77 anos de idade e con domicilio na parroquia de Farbán, tivo que ser evacuado este venres en helicóptero debido ás feridas que sufriu nun accidente cun tractor.

O home, con iniciais J.L.C.S., estaba acoplando un apeiro de labranza oa tractor que manexaba cando a toma de forza se lle enganchou na roupa e lle ocasionou lesións nas pernas.

Ao parecer, no momento do suceso estaba acompañado da súa dona, que o axudou e deu a voz de alerta. O servizo de emerxencias 112 Galicia tivo constancia do suceso sobre as 14.25 horas a través do persoal sanitario.

O CHANTO. Debido á gravidade das feridas, o 061 mobilizou o helicóptero medicalizado con base na cidade de Ourense. A aeronave buscou un lugar amplo para facer a aterraxe e elixiu o campo de rugby, na zona do Chanto, onde se concentraron varias personas alertadas pola presenza do helicóptero. Ata alí foi trasladado o ferido nunha ambulancia e derivado despois na aeronave ao Hospital Universitario Lucus Augusti, onde recibiu asistencia.

O accidente tivo lugar no número 12 da parroquia de Farbán, cando o septuaxenario se atopaba, segundo algunas versión, sacando purín. O home, que posúe unha granxa de porcos en Sarria, estivera pola mañá comendo o polbo na feria, que se celebra preto da súa vivenda. Ao rematar de xantar decidiu realizar unhas tarefas agrícolas e foi cando presuntamente se produciu o percance.

O suceso mobilizou tamén a axentes da Garda Civil, así coma unha patrulla da Policía Local de Sarria e o médico de atención primaria. Tamén foron postos en preaviso os membros de Protección Civil e os bombeiros do parque comarcal, se ben a súa intervención non resultou necesaria dado que a vítima no quedou atrapada.

Comentarios