"Eurovisión foi un regalo, pero aínda o é máis seguir nos escenarios"

Dez anos despois do seu paso polo festival, a artista do Incio Lucía Pérez lembra como "moi positiva" unha experiencia que lle abriu portas
Lucía Pérez, durante a súa actuación no festival de Düsseldorf, o 14 de maio de 2011. AEP
photo_camera Lucía Pérez, durante a súa actuación no festival de Eurovisión en Düsseldorf, o 14 de maio de 2011.

Dende a tranquilidade da súa casa, Lucía Pérez non perdeu detalle o pasado sábado do festival de Eurovisión celebrado en Rotterdam, unha cita que para ela sempre resulta "moi emocionante". Dez anos atrás, a cantante do Incio converteuse na primeira galega en representar a España neste festival, un fito histórico do que garda bos recordos. "Foi unha experiencia moi positiva. O maior triunfo de todo isto é poder seguir estando enriba dos escenarios. Eurovisión foi un regalo, pero máis regalo é aínda seguir aí", asegura.

O 14 de maio do 2011, Lucía Pérez defendeu en Düsseldorf (Alemaña) ¡Que me quiten lo bailao!, nunha actuación que centos de veciños seguiron a través dunha gran pantalla no Incio, orgullosos da súa paisana. "Aínda agora vexo fotos e é emocionante ver á túa xente con tanta ilusión", di.

Por aquel entón, Lucía Pérez tiña só 25 anos, pero contaba xa cunha longa traxectoria sobre os escenarios e unha experiencia previa no festival de Viña del Mar. Esa bagaxe, unida a moitos ensaios, fixeron que se atopase "moi a gusto, convencida de que o tiña que facer ben e o ía facer ben. Esa era a miña meta". E así foi, malia que o resultado non acompañou (posto 23 de 25), o que non impediu que levase unha grande ovación.

Coa perspectiva que dá o tempo, confesa que, se fora hoxe, introduciría algúns cambios. En concreto, "tería moita máis presenza nas decisións que se tomaron, por exemplo, en canto á posta en escena». A canción elixida non era, a priori, a súa favorita, pero Lucía Pérez decidiu enfrontarse a ela co consello que lle deu o seu produtor, Chema Purón: "Aproveitar ao máximo a oportunidade e, sobre todo, desfrutala. E así o fixen".

"Eu sempre digo que ao final as cousas pasan por algo. Esa canción abriume portas a un público infantil", comenta a artista, quen fala con cariño dun tema que se volveu "moi popular". "Hoxe en día segue presente en todas as festas eurovisivas, é unha canción que segue cantando e bailando toda a xente e iso é moi bonito".

PÚBLICO FIEL. Lucía Pérez opina que o futuro dun cantante tras o paso por este festival depende do "enfoque" que lle dea cada un. "No meu caso abriume moitas portas. Cantei en lugares que na vida puidera imaxinar, como Rotterdam ou Helsinki. O público eurofan, que é moi fiel, séguete mantendo no tempo e iso é marabilloso", reflexiona a intérprete, convencida de que tamén será "positivísimo para a carreira" de Blas Cantó.

Cousas da vida, o grupo Auryn, do que formou parte o representante de España neste último festival, foi un dos competidores de Lucía Pérez na selección celebrada hai dez anos para acudir a Eurovisión, unha casualidade que a cantante quixo lembrar nas súas redes para mandarlle "toda a enerxía". "É un artista que tiña moitas gañas de ir a Eurovisión e alégrome moito", afirma Lucía, quen loa a interpretación de Blas Cantó malia que, ao seu modo de ver, a canción non axudou moito.

Persoalmente, recoñece que a súa favorita era Francia e que se sorprendeu coa vitoria de Italia, se ben valora o feito de que gañara un tema "cun rock&roll ben forte" porque, ao final, "ábrese o abanico". "Non hai canción eurovisiva ou non eurovisiva; hai boas cancións", conclúe Lucía Pérez, quen ten por diante un intenso verán de traballo. Nuns días comezará a gravar a terceira tempada de A liga dos cantantes extraordinarios na TVG mentres prepara nova canción e concertos que a levarán por lugares como Poio, Ferrol ou Madrid porque, como ela di, "as nosas almas" necesitan música.

"É fundamental levar unha boa canción"
Lucía Pérez ve "fundamental" para ter éxito neste festival presentar "unha boa canción que a entenda toda Europa". "Xa non vale o comentario de que en Eurovisión é todo política. Levemos un bo produto, os deberes feitos da casa e logo teremos bo resultado", afirma.

Idiomas
Para a artista, un dos aspectos positivos da última edición é a ruptura de estereotipos con respecto ao idioma."Alégrome de que ningunha das tres cancións gañadoras sexa en inglés. Iso para min xa é unha cousa marabillosa", opina a cantante. Considera unha "pena" que Portugal participase cun tema en inglés cando "ten unha marabilla de idioma" e o precedente de Salvador Sobral, quen gañou no 2017 cantando na súa lingua.

Comentarios