Crepúsculo, as estrelas da 'movida' sarriá

Nos inicios dos 80 un grupo xuvenil de Sarria enchía salas de festa e poñía a bailar o público nas patronais ► Tres décadas despois estudan un 'revival'

Os membros de Crepúsculo, Javier, Carnero e Real (arriba), Fuentes e Barbeiro (centro) e Estevo. EP
photo_camera Os membros de Crepúsculo, Javier, Carnero e Real (arriba), Fuentes e Barbeiro (centro) e Estevo. EP

Cos acordes de La muerte tenía un precio de Ennio Morricone o de El tiempo vuela de Los Pekenikes saían ao escenario a principios dos anos 80 do pasado século seis mozos de Sarria e Samos, de entre 14 e 18 anos, que triunfaban por toda Galicia coa súa banda xuvenil Crepúsculo, un nome elixido "por casualidade" baixo o cal viviron unha época "inesquecible".

José Luis Carnero aos teclados, Javier López como baixista, Xosé Real e José Antonio Estevo poñendo as voces, Manuel Martínez Fuentes á guitarra e José Manuel Díaz Barbeiro na batería formaban unha banda que "naquela época supuxo unha revolución nas festas porque ao ser uns chavales triunfabamos en todos os lados con temas actuais", explica Carnero.

Segundo lembra, todo comezou no 1980 cando el e dous amigos máis do instituto en Sarria, Barbeiro e Roberto Irimia, decidiron facer unhas rifas para comprar un amplificador. Xurdiu entón a idea de organizar unha actuación, que tería lugar o 29 de agosto daquel mesmo ano na festa de Santa Lucía, no barrio de San Lázaro.

Naquel primeiro concerto aínda non estaba o sexteto que acabaría por formar Crepúsculo, o cal se presentou ao público o 27 de marzo de 1981, tamén nas celebracións do Lázaro, en Sarria.

Manuel Fuentes: "Foi unha época preciosa. Fomos, somos e seremos amigos grazas á música"

REPERTORIO. A partir de aí, chovéronlle as ofertas a aquel grupo de adolescentes, cuxo repertorio ía dende Miguel Ríos ata Alaska pasando por Joaquín Sabina, Obús ou The Beatles, pero tamén pasodobres e a imprescindible muiñeira de Chantada, capaz de animar calquera festa por moi apagada que estivera.

"Nunha ocasión en Lousada estaba de moda Los pajaritos". O público pediuna na sesión vermú e nós non a tiñamos. Daquela repartiámonos polas casas para comer e, despois de xantar, xuntámonos para ensaiala no palco. Esa noite xa a tocamos polo menos cinco veces", lembra Real, para quen os desprazamentos constituían xa en si unha aventura. "Pasabámolo xenial", di.

As anécdotas dun grupo de mozos percorrendo a xeografía galega coa súa paixón pola música son múltiples. "Cando empezamos tiñamos que levar un chófer porque ningún de nós tiña carné", conta Carnero, quen recorda aqueles días de feira nos que tocaban en Navia de Suarna "enchendo a discoteca de pequenas". Todo un "fenómeno fan" da época.

"Noutra ocasión, no fin de ano de 1992 nunha discoteca da Pobra de San Xiao tivemos que poñer o cartel de non hai entradas", afonda o músico.

Carnero: "Crepúsculo daquela era unha revolución nas festas. Ao ser uns chavales triunfabamos en todos os lados tocando temas actuais"

"Eramos un grupo de amigos de 14 a 18 anos facendo o que máis nos gustaba, guapos, con pelo e autosuficientes economicamente", afirma, entre risas, Barbeiro, quen evoca concertos en Pontevedra "con club de fans e Manolito El Pescador de manager".

"Era rara a fin de semana na que non tiñamos algunha actuación. No San Xoán de Sarria coincidimos coa París de Noia, cos dous palcos iguais", di con orgullo Real. Tamén en Sarria tocaron o 1 de maio de 1981 nunha festa do Día do Traballo no Chanto, pola cal tiñan que percibir "18.000 pesetas que non cobramos na vida", comenta Carnero.

Si recibiron aquelas 45.000 pesetas das festas de Lousada, 90.000 dun concerto na Pobra de San Xiao ou 150.000 dunha actuación na Coruña, todo un récord para uns rapaces tan novos que, sen embargo, eran "moi responsables", sabían administrarse e, sobre todo, gozaban facendo música e aprendendo dun xeito totalmente autodidacta. "No meu caso, cando viña algún guitarrista cunha orquestra poñíame debaixo do escenario para ver como facía", afirma Fuentes.

INSTRUMENTOS. Os primeiros ingresos de Crepúsculo foron destinados a pagar os instrumentos e demais material que o pai de Carnero lles comprara para poder iniciar esta andaina musical. Custaran 330.000 pesetas e, en catro meses de concertos, xa conseguiran amortizalas.

Nas súas primeiras actuacións saían ao escenario con pantalóns vaqueros e camisa branca, mais pronto decidiron encargar uns traxes iguais para todos. Segundo Real, constaban de americana e pantalón negros, camisa branca e un pequeno lazo no pescozo tamén de cor negra. "Estreámolos en Loureiro, en Samos, nun día no que chovía e había unha de lama!", rememora.

Mais esa non foi a única innovación deste grupo xuvenil. "Fomos os primeiros que levamos bombillas de cores nas orquestras de Galicia", asegura Carnero, quen fala con paixón daqueles anos nos que "ademais da música, eran as risas e o ben que o pasabamos", algo no que coinciden todos os membros da banda sarriá. "Eu se puidera volvería atrás outra vez. Repetía sen dúbida, porque foi unha época preciosa", di Fuentes.

"Daquela a xente desfrutaba a festa doutra maneira. Non había tanto espectáculo, senón que había máis diálogo e alí nacían matrimonios e parellas. Porque a música unía", engade.

Crepúsculo foi, para todos aqueles mozos, a súa primeira incursión profesional no mundo da música. Durante varios anos compaxinarían aquel grupo enfocado ás festas coa banda Tanagra, que facía "rock sinfónico galego".

Máis tarde, Crespúsculo derivaría na orquestra Tálamo, con dous novos membros (o pai de Real coa trompeta e un veciño de Paradela co saxo), e finalmente acabaría por disolverse conforme os seus integrantes se ían incorporando de xeito paulatino ao servizo militar.

Aínda que aquela formación durou só tres ou catro anos, as vivencias que supuxo marcaron estes seis veciños. No caso de Carnero e de Fuentes seguen adicándose profesionalmente a isto, mentres que outros coma Barbeiro ou Real combinan distintos traballos coa faceta musical.

Varios deles coinciden agora no grupo Eoas, que lles permite xuntarse con certa regularidade. O que non cambiou en todos estes anos foi a amizade que os une. "Fomos amigos, somos e seremos, grazas á música", sentencia Fuentes. "É unha amizade que continuará ata que aguante o corpo", declara Barbeiro, quen non oculta que "hai un gusanillo de facer un revival".

Carnero, quen xa foi un dos fundadores daquela agrupación, ten claro que haberá unha xuntanza. Hai un par de anos reuníronse para reproducir unha foto tomada nos 80, posando exactamente na mesma posición que o fixeran tres décadas atrás.

Agora parece cada vez máis preto esa nova reunión, pero esta vez sobre os escenarios. "Iso está garantizado. Fixo que nos imos xuntar", asegura.

Comentarios