Alicia Fernández, gañadora do premio de poesía Fiz Vergara

"Estiven ano e medio escribindo 'Mamá Pelicano', un libro que eu creo moi duro"

Alicia Fernández Rodríguez, natural de Escairón. EDUARD VELASCO
A poeta de Escairón Alicia Fernández, residente na actualidade en Cataluña, vén de alzarse co premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, convocado polo Concello de Sarria e a agrupación cultural Ergueitas. A súa obra, 'Mamá Pelicano', supón o retorno literario tras 13 anos sen escribir dunha autora precoz e moi galardoada

O xurado elixiu por unanimidade a obra de Alicia Fernández (O Saviñao, 1987) entre medio cento de traballos presentados á décima novena edición do premio Fiz Vergara, dotado con 6.000 euros e a publicación do poemario.

Que supuxo para vostede a obtención deste galardón?

Fíxome moita ilusión porque había moitos anos que non escribía e que non me presentaba a premios. Na adolescencia gañara moitísimos. De feito parei porque non sei a cal me presentei nun momento dado que non o gañei. Había moitos anos que non escribía nada, algún poema para algunha revista ou algo moi puntual. Estiven se cadra 13 anos sen escribir.

Agora reside en Sant Clement de Llobregat. Foi aquí onde escribiu a obra gañadora, 'Mamá Pelicano'?

Cando viñemos hai dous anos tiñamos en Santiago a libraría Chan da Pólvora, a única especializada en poesía de Galicia. Estiven levándoa a distancia durante uns meses e logo traspaseina, fixen traducións e, sobre todo, estiven ano e medio escribindo este libro. Foi chegar aquí, comecei o libro e acabeino haberá medio ano.

Este é un libro que tiña dende hai moitos anos na cabeza

O xurado destacou o tratamento da familia e da maternidade dende un punto de vista "descarnado". Coincide con esta apreciación?

Non me toca moito falar a min sobre o libro, xa o dirá a crítica, pero é un libro que eu creo moi duro, doloroso, supoño que tamén necesitaba esa distancia física de Galicia para escribir algo así. É un libro que tiña dende hai moitos anos na cabeza, de feito acórdome no 2010 de falar do título cun amigo poeta que morreu, Francisco Cortegoso, pero non me sentei a escribilo ata que estiven aquí.

Foi quizais esa distancia de Galicia a que lle deu a perspectiva necesaria para escribir esta obra?

A perspectiva e supoño que a tranquilidade tamén. Ademais diso tiven tempo.

Que quería transmitir con ese título que xa tiña pensado?

É un mito que os pelicanos femia abren o peito co peteiro e danse a comer elas mesmas ás crías aínda que morran despois. Paréceme algo moi bonito pensando nas nais que dan todo polos fillos.

Tamén chama a atención o lema que lle puxo á súa obra, 'A escena ábrese ante un público inexperto'.

É un verso deste poeta, de Cortegoso. De feito, é un libro que lle vou adicar a el. Empezou a escribir de nena.

Creo que empecei a escribir por ser lectora

Que foi o que a impulsou a dar o paso?

Na miña casa sempre me leron moito. Un dos meus irmáns escribía tamén. Empecei a presentarme a concursos de narrativa, de relatos. Despois a escribir algún poema, pero eran como plaxios dos que escribía el (ri). Logo xa a partir dos 11, 12 anos comecei a ir eu soa á biblioteca, a ler moitísima poesía… Non sei, eu creo que empecei a escribir por ser lectora.

Colleitou premios como o Fernández del Riego, Francisco Añón, Díaz Jácome ou Minerva, entre outros moitos. Foron un aliciente?

Si, entrei á universidade con 17 anos porque facía os 18 en novembro e acórdome que tiña un montón de aforros de premios. Tamén era como que estaba un pouco enganchada a presentarme.

Séntese máis cómoda na poesía?

Si, escribín algún conto pero era moi pequena. Si que é certo que agora teño na cabeza un proxecto de novela que aínda non comecei, para o que estou tomando notas.

Coñecía o Fiz Vergara dende hai moitísimos anos. É o premio de poesía de Galicia que a min sempre me chamou máis

A súa obra será publicada con Espiral Maior. Como ve o mundo da edición en Galicia, complicado?

Supoño que é complicado en todos os lados, non só en Galicia. En Galicia si que é certo que se escribe moitísima poesía e lese moito.

Coñecía a obra de Fiz Vergara antes de gañar este premio?

Coñecía o premio dende hai moitísimos anos e, de feito, é o premio de poesía de Galicia que a min sempre me chamou máis. De Fiz Vergara lera algunha cousa e penso achegarme máis á súa obra.