Estefanía Pérez: "A Semana da Moda de París é unha experiencia enriquecedora que me levo para toda a vida"

A deseñadora de Paradela vén de presentar unha colección propia dentro da París Fashion Week

Estefanía Pérez saúda ao público tras presentar a súa colección. EPVINCULADA ao mundo da moda dende os 14 anos, Estefanía Pérez Rodríguez, natural de Paradela, viviu o pasado venres un momento "emocionante". A súa colección Renacer puido verse nun desfile no hotel Le Grand Intercontinental, dentro dos actos da Semana da Moda de París. A moza, que ten a súa propia marca de roupa baixo a denominación Fashion Fairies, presentou seis vestidos da súa creación e confeccionados en Galicia nos que emprega tules bordados e crepes lisos. A oportunidade chegoulle da man da axencia Oxford Fashion Studio que contactou con ela en novembro do pasado ano tras ver os seus deseños en Instagram e que lle abriu así as portas a una experiencia, a todas luces, "enriquecedora".

Como viviu a gran oportunidade que supón presentar unha colección propia nos actos da Semana da Moda de París?
As semanas previas ao show estaba moi nerviosa, pero contra todo prognóstico dous días antes de marchar para París estaba súper tranquila. Tiven dúas reunións co equipo de Oxford Fashion Studio previas ao evento e aínda collín máis confianza porque son moi cercanos e espontáneos. Tamén levei comigo a unha intérprete (ademais dun fotógrafo) que me axudou co idioma e iso foi clave. No momento do desfile estaba moi emocionada pero tiña a sensación de ter vivido iso moitas veces antes. Estaba na miña salsa, como na casa.

Presentou seis vestidos longos de festa. Que tal acollida tivo a súa proposta entre o público que seguiu o desfile?
Gustaron moito, achegouse moita xente a felicitarme, bloggers, fotógrafos, influencers, outros deseñadores, modelos... Algúns pedíronme facerse fotos comigo e un contacto para poder mercar as prendas. 

A boa acollida da súa proposta, formada por seis vestidos longos de festa, supón un impulso para a súa traxectoria desta moza de 25 anos que xa se sente nos desfiles "como na casa"

Que foi o que máis lle chamou a atención?
A cercanía da xente. Hai o mito no que se di que no mundo da moda hai moita competencia e malos rollos e eu lévome unha experiencia totalmente diferente. Non hai rivalidade entre deseñadores, todo o contrario, fixémonos amigos e temos un grupo de whatsapp, e as modelos non eran para nada altivas, moi humildes todos e iso sorprendeume gratamente.

Que lle dixeron dende a axencia de eventos Oxford Fashion Studio?
Felicitáronme, desexáronme sorte e que ogallá podamos traballar xuntos en máis ocasións.

Tivo ocasión de facer contactos con outros deseñadores?
Si, seguímonos todos en Instagram e dos de fala latina teño o número de teléfono.

"A nivel profesional é un paso moi importante no que coñecín a moita xente relacionada coa moda", comenta a deseñadora

Como valora a experiencia?
Moi enriquecedora a todos os niveis. A nivel profesional é un paso moi importante no que coñecín a moita xente relacionada co mundo da moda, agora sei como se manexan as cousas no backstage, valoro fallos e acertos, o que podería mellorar para futuras ocasións... E personalmente é unha experiencia que me levo para toda a vida e que poderei contarlles con orgullo aos meus fillos.

Supón un impulso para seguir no mundo da moda?
Non me importaría para nada facer este tipo de shows unha vez ao mes, con iso dígoo todo. Non me chega a hora de volver a repetir. Que xente que traballa neste mundo todos os días valore o meu traballo é a mellor recompensa. Así que si, con ganas de seguir aprendendo, empapándome de moda e de seguir medrando como deseñadora e como persoa, que ao final é o máis importante.

Comentarios