lunes. 10.05.2021 |
El tiempo
lunes. 10.05.2021
El tiempo

O Esmorga Fest non se rende

A banda luguesa Holywater será unha das que toque no Esmorga. DIEGO GUERRERO (AEP)
A banda luguesa Holywater será unha das que toque no Esmorga. DIEGO GUERRERO (AEP)
O festival de música de Sarria, suspendido o pasado ano polo covid, voltará en xullo con catro concertos gratuítos con prazas limitadas

A falta de 24 horas para o inicio da sexta edición, en marzo do pasado ano, o festival de música Esmorga Fest de Sarria, tivo que ser suspendido por causa do coronavirus. Fixouse entón como nova data o mes de novembro, pero a situación sanitaria tampouco fixo posible a súa celebración. Malia as dificultades para o ámbito cultural, os organizadores tratarán de manter viva esta cita cunha edición especial no mes de xullo, con catro concertos gratuítos, prazas limitadas e "todas as medidas necesarias para garantir a seguridade dos seus asistentes", din.

Este Esmorga reducido terá lugar o 24 de xullo na Praza da Vila. Neste espazo ao aire libre no centro da localidade, subirán ao escenario Niña Coyote eta Chico Tornado -cuxa actuación xa estaba prevista no festival cancelado no 2020-, a banda luguesa Holywater e dous grupos máis "emerxentes e con moito futuro", Depresión Sonora e Monteperdido.

Os organizadores explican que o número de prazas dispoñibles concretarase tras realizar as oportunas medicións na Praza da Vila para manter as distancias de seguridade e demais medidas. Nos vindeiros días informarán sobre o procedemento a seguir para a solicitude de entradas.

Esta edición conta coa colaboración da área de cultura da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Sarria, xunto co patrocinio de Son Estrella Galicia e de Gadis. "Estamos moi contentos do respaldo destas marcas e das institucións para esta edición Xs", afirman dende a organización.

O Esmorga Fest, que toma o seu nome da novela de Blanco Amor, tivo a súa orixe na festa de cumpreanos de tres amigos sarriaos con actuacións en directo. No 2015 deron o salto a este festival de música independente e underground, que foi crecendo ano tras ano ata converterse nun referente, con 18 bandas confirmadas para a edición de 2020 que non puido celebrarse. No proceso de devolución de entradas foron moitas as persoas que optaron por non reclamalas, axudando así a paliar as perdas que deixou o evento.

O Esmorga Fest non se rende