O Esmorga Fest, con 1.500 asistentes, acadou un cheo en ocupación hostaleira

Os organizadores cualifican de "éxito rotundo" a oitava edición do festival e valoran o seu "impacto positivo" en Sarria e na contorna
Actuación de Grande Amore en La Unión. @LEOLOPEZ
photo_camera Actuación de Grande Amore en La Unión. @LEOLOPEZ

A oitava edición do festival de música Esmorga Fest, celebrada durante a pasada fin de semana en Sarria, contou con máis de 1.500 asistentes e motivou unha ocupación hostaleira do 100%, segundo os datos dos organizadores, que cualifican de "éxito rotundo" o evento, ademais de valorar o "impacto positivo" que tivo en Sarria e na contorna.

Na súa opinión, esta foi "a mellor edición ata a data", o que confirma a expresión "infinita Esmorga", repetida por público, artistas e organización.

Esta cita coa música indie e underground arrincou o día 19 na sala Litmar, onde os festivaleiros puideron gozar de "directos destacables como os da banda portuguesa First Breath After Coma, Toundra ou VVV".

O sábado, na xornada de portas abertas na sociedade cultural e recreativa La Unión, congregouse un público "multixeracional". Grazas á incorporación do Esmorguiña Festa, con actividades para nenos e nenas, "tanto sarriaos como foráneos de todas as idades" compartiron "unha festa para todos", destacan os organizadores, que poñen o acento en actuacións como as de Castro e Grande Amore, así como na degustación gastronómica gratuíta a cargo de Cárnicas Teijeiro, Panadería Pallares e Queserías Sarrianas.

Na noite do sábado, de novo na sala Litmar, subiron ao escenario bandas como Bdrmm, Los Punsetes ou Yawners, que ofreceron "grandes actuacións" ante un público "entusiasmado" que non deixou de bailar ata o final a golpe da electrónica de Cora Novoa. Segundo din, houbo unha comuñón entre artistas e público "para demostrar o que fai único ao Esmorga, un ambiente de bo rollo para todos os amantes da música".

Neste balance unha vez rematada a oitava edición, os promotores do Esmorga Fest queren amosar o seu agradecemento "incondicional" a todos os asistentes, artistas, técnicos de produción, patrocinadores locais, á Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Turismo de Galicia da Xunta, Concello de Sarria e Son Estrella Galicia.

Comentarios