A esencia de Fiz vive en Lóuzara

A casa natal do poeta samanense e os principais escenarios da súa vida e obra acolleron un acto con motivo dos 25 anos do seu pasamento, organizado pola biblioteca á que lle dá nome
Os participantes na homenaxe leron poemas e cantaron versos de Fiz Vergara diante da súa vivenda en Santalla de Lóuzara. EP
photo_camera Os participantes na homenaxe leron poemas e cantaron versos de Fiz Vergara diante da súa vivenda en Santalla de Lóuzara. EP

O poeta samanense Fiz Vergara Vilariño foi un dos máximos expoñentes do vencello entre autor e terra. Alí, na Lóuzara tan presente na súa vida e na súa obra, reuníronse onte amigos e familiares para renderlle unha sentida homenaxe con motivo do 25 aniversario do seu pasamento e para reivindicar, unha vez máis, a concesión do Día das Letras Galegas ao cantor da terra "xabreira".

A iniciativa partiu da biblioteca Fiz Vergara Vilariño do IES Gregorio Fernández, co apoio do equipo de Dinamización Lingüística deste centro e de Radio Bolboreta.

Acudindo ao seu chamamento, arredor de 60 personas trasladáronse ata Santalla de Abaixo para, diante da casa que viu nacer ao poeta, recitar os seus versos e entoar algúns dos seus poemas, entre eles, o titulado "Non deixes que a tardiña me sorprenda", musicado por Xurxo Souto.

O polifacético artista, quen tamén é mestre no instituto sarriao, foi un dos encargados da parte musical da homenaxe, xunto coa cantante e profesora Patricia Coucheiro e a gaiteira Carme López. Esta última interpretou varias pezas durante o acto, así como o Himno do Antigo Reino de Galicia que acompañou o momento da ofrenda floral no cemiterio no que repousan os restos do poeta, falecido o 18 de xullo do 1997.

Segundo explicou Eduardo Rey, tamén docente e amigo persoal de Fiz, a xornada resultou "moi emocionante» por volver a aqueles lugares tan vitais para o autor como a Fonte da Cova ou o muíño, que lle serviron de «inspiración".

Os familiares de Fiz Vergara recibiron aos presentes e abríronlles as portas da vivenda natal, onde conservan intacta a súa habitación. "A primeira vez que estiven alí foi hai máis de 30 anos e para min volver foi un momento emotivo", asegurou o profesor.

Os participantes percorreron o roteiro literario creado hai anos pola asociación Ergueitos en memoria de Fiz Vergara e formado por 13 esculturas de distintos artistas inspiradas noutros tantos poemas e situadas en lugares estratéxicos de Lóuzara. Esta mesma ruta será visitada o vindeiro día 7 por un grupo de alumnos do instituto Gregorio Fernández.

A biblioteca deste centro foi tamén a encargada de coordinar, o pasado 21 de marzo, a celebración conxunta do Día da Poesía por parte de doce colexios da comarca que, reunidos na Praza da Vila de Sarria, pediron as Letras Galegas para Fiz. "Cremos que xa toca que así sexa", afirmou Rey.

Comentarios