A escritora paradelense Sonia Arias lanza o seu primeiro libro de relatos

A Deputación acolleu a presentación de Los zapatos del lobo, obra ambientada en Bidul
undefined
photo_camera Sonia Arias e o seu fillo, o deputado Iván Castro e a exdeputada Sonsoles López Izquierdo. EP

A escritora paradelense Sonia Arias presentou este xoves no Pazo de San Marcos de Lugo o seu primeiro libro de relatos curtos, Los zapatos del lobo, xunto a seu fillo, un dos protagonistas da obra ambientada na aldea de Bidul; o deputado de Participación Cidadá, Iván Castro, e a exdeputada provincial Sonsoles López. Despois levará a obra a Sarria o 15 de marzo e a Paradela o 5 de abril.

A autora espera que os lectores poidan "sentirse libres e aprender a tratar certos temas dos que falamos máis ben pouco con esta obra". Decidiuse esta vez por lanzarse cos relatos, aínda que recoñece que conserva "algunha pincelada poética", porque di que quería probar un novo xénero e experimentar "en moitos sentidos". Proba diso é que a paradelense leva varios anos estudando psicoloxía positiva aplicada, unha materia que "me axudou moito a abrirme a falar de determinados temas e a sentirme máis segura", di Arias.

E é que Los zapatos del lobo, dividida en varios capítulos sen data nin título, é unha obra que trata todo tipo de temas sociais cun enfoque sarcástico e irónico co que a autora pretende transmitir "naturalidade". Dende o maltrato, ata a violencia de xénero, o bullying ou o suicidio, entre outros moitos temas. "Quero que a xente vexa que se pode falar de todo e o meu fin é derivar toda a rabia e a crispación da sociedade cara a un punto máis positivo", explica.

A escritora sostén que, ademais de tomar como referencia moitos dos valores que aprendeu da súa terra natal, recoñece que o seu fillo é un dos grandes protagonistas da obra, xa que afirma que "el abriume os ollos en moitos sentidos", porque admite que aprende moito dos seus razoamentos, e que "é necesario ter en conta o punto de vista dos nenos, ademais de ensinarlles e desbotar todos os que ata agora foron considerados temas tabú".

Afirma que o seu libro está dirixido a todos os públicos e que, ao igual que os anteriores, dedícallo ao seu pai, por quen afirma que comezou a escribir hai dez anos "a raíz da súa morte", e asegura que segue co mesmo espírito que entón. "Toda a miña obra é reivindicativa e inconformista, porque me gusta seguir novos camiños e retos na vida", argumenta.

Deputación: "Temos un firme compromiso coa defensa da cultura"

Durante a presentación do libro, Iván Castro destacou "o pracer que supón para un veciño de Paradela coma min acoller na institución a presentación dun novo logro editorial de Sonia Arias". Asegurou que dende a Deputación "temos un firme compromiso coa defensa e co impulso da cultura e do talento lucense. Apoiamos a actividade dos nosos creadores no conxunto do territorio, porque entendemos que o acceso e a promoción da cultura enriquécennos como sociedade e son, ademais, elementos de dinamización económica".

Colaboración

A autora paradelense Sonia Arias quixo agradecerlle á Deputación de Lugo o seu apoio e "a oportunidade de lanzar unha obra da que espero que os lectores poidan sentir a vitalidade e espontaneidade destas páxinas volvendo, como cada vez tamén, á nostalxia ou saudade". Anunciaron no acto que a publicación está xa á venda na plataforma de Amazon dende hoxe mesmo.

Comentarios