O parvulario de Sarria pide levar o nome de Xela Arias

A proposta xa foi aprobada polo Consello Escolar do centro e trasladada ao Concello para a súa ratificación por parte do pleno
Escola de Educación infantil de Sarria. EP
photo_camera Instalacións da EEI, tamén coñecida como o parvulario de Sarria, onde estudan 110 nenos e nenas.

A Escola de Educación Infantil de Sarria (EEI), coñecida popularmente como parvulario, vén de solicitar de xeito formal levar o nome de Xela Arias, poeta, mestra e tradutora a quen este ano se dedica o Día das Letras Galegas.

A proposta foi aprobada polo Consello Escolar o pasado 26 de xaneiro e este luns mesmo o director, Iván Tourón, rexistrou un escrito no Concello solicitando o informe favorable do pleno, paso previo para a petición ante a Consellería de Educación de renomear este centro público como Escola de Educación Infantil Xela Arias.

Para a comunidade educativa, esta "emblemática sarriá" ostenta variados méritos. "Ademais de ser unha persoa solidaria e socialmente comprometida, foi precursora do feminismo na literatura galega nos 90". Valora tamén a súa personalidade "activa, curiosa e polifacética", así como o labor a prol da lingua e a cultura galegas, "contribuíndo coa súa obra vangardista á renovación da poesía".

A EEI, con más de catro décadas de traxectoria e unha alta demanda entre as familias, carece ata o momento dunha denominación específica, de aí que contar cun nome propio que lle confira personalidade sexa un desexo dende hai anos. Segundo lembra o director, o Consello Escolar abordou por primeira vez este asunto no 2006, momento no que xa puxo enriba da mesa unha serie de requisitos: que fose muller, de Sarria, vinculada co eido educativo e promotora da lingua e da cultura galegas.

Con estas premisas, xa naquel intre propúxose Xela Arias, pero o asunto non culminou. O pasado curso escolar, o claustro retomou a iniciativa, que agora recibe o pulo definitivo coa homenaxe do Día das Letras Galegas deste ano. Segundo Tourón, a formalización da solicitude é tamén un recoñemento a todo o profesorado que, ao longo dos anos, "tivo a ilusión de que a escola levara este nome".

Comentarios