Un escaparate para a arte local

A exposición Artistas no Camiño, que xa tivo 500 visitantes nos dous primeiros días, conta nesta edición coa recreación dunha viola do luthier Xermán Arias como unha das novidades
A viola de Xermán Arias. D.M.P.
photo_camera A viola de Xermán Arias. D.M.P.

Esculturas de pedra, de barro, diferentes tipos de cadros, pezas de tear... e todos coa denominación de orixe da comarca de Sarria. Iso é o que se pode ver na décima edición da exposición de Artistas e Artesáns da Comarca de Sarria no Camiño, emprazada na antiga prisión comarcal da vila.

Para o que queira visitar as 400 pezas da mostra, obra duns 70 artistas, poderao facer todos os días da semana ata o vindeiro 20 de outubro. A apertura é os luns de 18.00 a 20.00 horas e, de martes a domingo, de 15.00 ata as 20.00.

Nos dous primeiros días aberta, a mostra tivo unha grande aceptación cuns "500 visitantes", segundo comentou o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria —entidade organizadora—, Jorge López. O público estivo formado na súa maioría por peregrinos, que se atoparon a vila case deserta pola coincidencia coa multitudinaria romaría dos Remedios, motivo polo cal preguntaron "onde estaba a xente de Sarria".

Ata o momento as creacións que máis expectación xeran son as maquetas das igrexas

Malia o éxito que está tendo a exposición, son moitas as pezas que aínda se teñen que instalar, posto que ata o momento "tan só están colocadas a metade". López indica que está previsto para este venres o remate destas tarefas.

Destaca tamén que ata o momento as creacións que máis expectación xeran son as maquetas das igrexas. O motivo reside en que a maioría dos visitantes son peregrinos e recoñecen, en moitos casos, os edificios ao seu paso polo Camiño, ademais de interesarse polos que aínda non viron para saber cando os van a atopar na ruta ata Santiago. Jorge López engadiu que algúns deles remítenlle as queixas por atopar os edificios relixiosos pechados.

En canto á disposición da mostra, o organizador ten a idea de facer unha sala adicada a esculturas de pedra nun lado e de barro noutro; outra aula na que tan só se poidan ver bonsais; a pranta baixa maioritariamente para artesanía de madeira e o salón principal adicado a cousas xerais. Tamén faltan por instalar os cabezudos da asociación Crearte que, polas súas grandes dimensións, estarán dispostos por diferentes partes.

Na mostra pódese atopar dende un cadro feito por unha rapaza de nove anos ata obras creadas por maiores de 70

Unha das novidades respecto a outras edicións é unha obra do luthier sarriao Xermán Arias. Trátase dunha recreación da viola que ten o músico número 24 do Pórtico da Gloria.

COLABORACIÓN. Jorge López agradece que, co paso dos anos, os artistas e as asociacións colaboran nun maior grao, achegando cada vez máis pezas, o que fai posible que se poida encher un "espazo tan grande" de arte.

A idade entre os artistas é moi dispar. Na mostra pódese atopar dende un cadro feito por unha rapaza de nove anos —que leva tres colaborando na mostra— ata obras creadas por maiores de 70. Ademais, o presidente do colectivo organizador asegura que moitos deles quixeron facer unha mención especial ao Camiño de Santiago nas súas creacións.

A exposición conta coa colaboración da Deputación Provincial —aportando temas relacionados coa publicidade— e do Concello de Sarria, que facilita o lugar da antiga prisión comarcal ademais de dous guías turísticos que permiten ampliar o horario da mostra con respecto ao pasado ano.

Comentarios