A empresa sarriá Galimplant organiza en Santiago un foro con mil asistentes

O congreso internacional de odontoloxía celébrase este venres e o sábado na Cidade da Cultura
Participantes na última edición do congreso, que tivo lugar no ano 2019. AEP
photo_camera Participantes na última edición do congreso, que tivo lugar no ano 2019. AEP

A empresa sarriá Galimplant, pioneira en Galicia na fabricación e venda de implantes dentais, organiza en Santiago de Compostela un congreso internacional de odontoloxía que prevé reunir este venres e o sábado na Cidade da Cultura a preto dun millar de persoas, segundo informaron este mércores desde esta firma.

Trátase do terceiro congreso de implantoloxía oral e endodoncia tras os celebrados nos anos 2017 e 2019 en Compostela. Baixo o título Sigamos Sumando Juntos, contará con 14 ponentes de distintos puntos de España e doutros países como Brasil, Lituania ou Rusia.

Ademais, agárdase a asistencia de profesionais do sector chegados desde lugares como Venezuela, Perú, Francia, Portugal, Marrocos ou Croacia, entre outros, sinalaron os organizadores.

Segundo dixeron, a montaxe do congreso corre a cargo de firmas de Sarria, que tamén terá presenza neste evento a través do grupo Louband, encargado de amenizar a cea de gala xunto con Diana Tarín Band. A parte de ocio complétase cun espectáculo do mago e ilusionista Jorge Blass.

A inauguración terá lugar mañá a cargo dos especialistas Antonio Bascones e Eugenio Velasco, ás 9.15 horas tras a recollida das acreditacións. Ao longo de dous días disertarán os expertos Alfonso Sande, Domenico Ricucci, Sergio García, Olga Zemliakova, Benito Ramos, Darío Adolfi, Paulo Fernando Mesquita de Carvalho, Carlos Ayala, Benjamín Martín, Pablo Costelo, Tomas Linkevicius, Antonio Murillo, Alberto Fernández e Sidney Kina.

Coincidindo con este congreso celébrase tamén un simposio universitario sobre investigación en implantoloxía oral, no que participan profesores das Universidades de Santiago de Compostela, Valencia, Salamanca, Sevilla e Alfonso X El Sabio.

Galimplant, que ten a súa sede nun edificio da Rúa Benigno Quiroga de Sarria, impulsou nos últimos anos a creación de cátedras de investigación oral nalgunhas das universidades más importantes de España.

Informe Ardán

Esta firma, fundada como tal en novembro do ano 2009 e con presenza internacional, figura entre as cen primeiras empresas da provincia de Lugo. Segundo datos do informe Ardán 2021, que elabora o Consorcio da Zona Franca de Vigo, nesa data contaba con 66 traballadores e unha cifra de negocio de máis de 12,5 millóns de euros, só superada no conxunto da comarca por Fontecelta e Magnesitas de Rubián en canto a facturación.

Ao congreso que comeza este venres en Santiago e que se retoma tras non poder celebrarse hai dos anos por mor da pandemia do covid asistirá a totalidade do cadro de persoal de Galimplant en Sarria.

Segundo apuntaron, esta terceira edición do evento tivo unha grande acollida, de xeito que as prazas dispoñibles se esgotaron hai xa varios días.

Comentarios