Un emprendemento moi doce

A veciña de Samos María Luisa Fernández Iglesias comercializa mel de flores silvestres da montaña deste concello e do Incio. Proxecta aumentar as colmeas e diversificar a produción
María Luisa Fernández (esquerda), na feira de artesanía de Samos xunto á súa prima Vanesa Seco. VILA
photo_camera María Luisa Fernández (esquerda), na feira de artesanía de Samos xunto á súa prima Vanesa Seco. VILA

Á veciña de Samos María Luisa Fernández Iglesias o mundo das abellas parécelle fascinante. Comezou axudando a seu marido, Jorge Pereiro, cunhas 15 colmeas que tiñan para consumo propio e gustoulle tanto que cada vez quixo "saber máis" deste universo "tan interesante". Agora ten a súa propia marca, chamada Pena da Cova, vende para pequenas tendas gourmet e pensa xa en ampliar as 70 colmeas actuais e en diversificar a produción con outro tipo de alimentos feitos co seu mel.

María Luisa Fernández leva un para de anos metida de cheo neste labor, o que a animou a dar o paso do emprendemento rexistrando a marca comercial Pena da Cova (que toma o nome dunha das súas fincas) en marzo do pasado ano e dándose de alta na venda directa de mel dous meses despois.

Establecementos de Sarria como o Ecoespazo Vitriol e a Carnicería Víctor comercializan o seu produto, que se obtén en colmeas repartidas pola zona de Lastres (Samos) e o Val do Mao (O Incio). Preséntase como "mel de flores silvestres de alta montaña", producida en zonas afastadas, sen ningún tipo de contaminación e cunha vexetación moi variada.

Ademais, a samanense e seu home encárganse en primeira persoa do proceso ao completo. "Facemos todo nós; sacamos, preparamos, envasamos, vendemos...", conta a emprendedora, entusiasmada coa apicultura.

"Encántanme as abellas e todo o relacionado con elas. Tamén o rural, o ecolóxico, o natural... aproveitar o que temos na zona. Paréceme un mundo moi bonito, porque sen abellas non viviriamos, son principais", afirma esta muller, quen fixo cursos e adquiriu moitos coñecementos de seu home e co traballo do día a día.

A produción máxima para venda directa son uns 3.000 quilos, pero de momento descoñece se poderá chegar a esa cifra dado que, segundo explica, as velutinas están a facer moitos estragos sobre todo na zona de Samos onde e a súa presenza é maior que no Incio, o que pode mermar a colleita.

Encántame o mundo das abellas e todo o relacionado con elas. Tamén o rural, o ecolóxico e o natural"

Á espera de poder facer balance de produción a finais de setembro, María Luisa Fernández estreouse cun expositor na Feira de Productos Artesáns celebrada o pasado día 13 en Samos. E alí a acollida non puido ser mellor. En poucas horas esgotou o mel que tiña á venda e tivo que repoñer de urxencia ante a demanda.

Ademais, o seu posto chamou a atención de nenos e maiores ao incorporar unha boneca ataviada con traxe da apicultora. Bautizouna co nome de Manuela porque o seu é un proxecto feminino e acaparou tanto as miradas que de agora en adiante irá sempre con elas ás feiras ás que acuda.

"Encantada" co recibimento e co apoio da xente, esta veciña pensa xa en poder aumentar as colmeas e en "innovar" ofrecendo outros "comestibles con mel".

Comentarios