Unha emprendedora constrúe dous apartamentos turísticos no Incio

Paloma Gallardo e a súa parella apostan polo rural con este proxecto na Casa do Corral, unha vivenda con dous séculos de historia na parroquia en Trascastro, declarada como aldea modelo
Parte da vivenda e a emprendedora do Incio. EP
photo_camera Parte da vivenda e a emprendedora do Incio. EP

Fronte ao despoboamento que sofren moitas zonas do rural, parroquias como a de Trascastro, no concello do Incio, revitalízanse grazas a proxectos como o de Paloma Gallardo, unha emprendedora natural deste núcleo que ten en marcha a rehabilitación de parte da antiga casa familiar para crear dous apartamentos turísticos.

Xunto á súa parella, Antonio Sampayo, esta veciña é a promotora dunha iniciativa que verá a luz na coñecida como Casa do Corral, un inmoble con preto de dous séculos de antigüidade e uns 1.300 metros cadrados de superficie.

Paloma Gallardo, quen traballa nunha empresa na Coruña, sempre tivo en mente o retorno "ás raíces" nas terras dos Incio. Parte da vivenda de Trascastro está acondicionada dende hai tempo –a parella tivo "a sorte" de pasar nela o peor da pandemia– e agora proponse dar un paso máis con este proxecto que supón "unha aposta polo rural en toda regra".

Os dous apartamentos –que se completarán con recepción, área de estacionamento e zona de recreo– terán entrada independente e ocuparán uns 150 metros cadrados no edificio que foi no seu día a casa dos caseiros. Para a súa construción foi preciso obter previamente o permiso de Patrimonio ao atoparse preto dun castro.

Características dos apartamentos

Un deles será un dúplex de dúas habitacións que levará por nome As Tullas, en alusión ao lugar no que se almacenaba o pan. A outra vivenda turística, bautizada como O Corredor por ser esta a súa característica máis identificativa, constará dun só dormitorio e destacará pola amplitude dos espazos, segundo avanzan os promotores, que confían en ter as obras rematadas para finais do verán do 2023. Nos meses seguintes ocuparanse da decoración e demais trámites co obxectivo de abrir polo Nadal.

O proxecto ten un custo duns 192.000 euros, dos cales o 45% (86.400) proceden dunha subvención de Agader para iniciativas de tipo turístico que xeneren emprego (crearase un posto de traballo) en aldeas modelo de Galicia.

A parroquia de Trascastro foi a primeira da provincia de Lugo en obter esta declaración por parte da Xunta, o que posibilitou a recuperación da actividade produtiva –neste caso cunha explotación en extensivo de vacas de raza cachena– en 14 hectáreas de terras que estaba abandonadas, pertencentes a un cento de veciños.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, destacou os beneficios da aldea modelo, o que contribuíu a facer de Trascastro un núcleo máis activo e inverter a tendencia de despoboamento do rural, dixo.

Paloma Gallardo e Antonio Sampayo amósanse ilusionados co proxecto, que tivo moi boa acollida por parte do Concello e da veciñanza en xeral. Segundo explican, a beleza das paisaxes e a tranquilidade son dous dos puntos fortes de Trascastro, "unha aldea francamente bonita". A localización, a casa en si mesma e os atractivos do Incio, onde hai varias rutas de sendeirismo, failles afrontar con optimismo este aventura na que se embarcaron e que aumentará a oferta turística do municipio.

Comentarios